Axenda cultural
Ciclo de encontros da Biblioteca Verde,: a xestión ambiental dos plásticos como eixe temático
A edil de Medio Ambiente, María García, inaugurará o mércores 31 a proposta cun parladoiro no que abordará o papel da veciñanza á hora da reciclaxe e da separación en orixe dos residuos
O vindeiro mércores, 31 de outubro, regresa unha nova edición do Ciclo de Encontros Participativos da Biblioteca Verde, un programa impulsado polo servizo das Bibliotecas Municipais da Coruña e que pretende xerar un foro de debate arredor da cuestión ambiental e da sustentabilidade, así como sensibilizar á veciñanza na preservación do medio natural. A través de parladoiros, que se celebran unha vez ao mes en distintos centros da rede, a cidadanía pode coñecer experiencias sostibles que teñen lugar na cidade, así como consultar material dos fondos municipais vinculados á temática.
Nesta VI edición, o proxecto Biblioteca Verde terá como punto de partida O desafío dos plásticos, co obxectivo de informar e sensibilizar á veciñanza sobre o impacto ambiental derivado do consumo masivo de plásticos, como a contaminación dos océanos que ameaza tanto a vida mariña como a propia saúde da cidadanía. Así, ao longo do curso, que se desenvolverá entre os meses de outubro e maio, os Encontros Participativos da Biblioteca Verde afondarán da man de figuras e profesionais vinculadas ao sector ambiental en cuestións como a separación e tratamento de residuos, o consumo responsable, a economía circular ou as hortas urbanas.
A primeira das charlas terá lugar o vindeiro mércores 31, ás 19.00 horas, na biblioteca do centro Ágora da man da concelleira de Medio Ambiente, María García, quen abordará o papel da cidadanía á hora da redución do impacto ambiental dos residuos. “Nesta sesión trataremos de dar a coñecer xeitos creativos de colaborar, desde a casa, coa reciclaxe e a redución de residuos na nosa contorna”, sinala a edil. No parladoiro a responsable municipal partirá, dun xeito didáctico e distendido, da experiencia da separación en orixe dos refugallos, tanto no propio fogar ou dos contedores situados na rúa, até o súa chegada ás plantas de reciclaxe. Ademais, García dará a coñecer distintas experiencias que se están a desenvolver desde o Concello do obxectivo de avanzar cara o residuo cero, así como as propostas de sensibilización dirixidas á redución de residuos como Móllate ou o Ecovaso.
A participación nos encontros da Biblioteca Verde é gratuíta, pero nalgúns casos require inscrición previa. Para máis información sobre o programa de conferencias e como participar nas mesmas, pódese acudir a calquera centro da rede de bibliotecas municipais ou visitar a súa páxina web, www.coruna.gal/bibliotecas.
Descargar programa de Encontros Participativos