Igualdade

COGAMI supera o obxectivo de inserción laboral no seu Programa Integrado de Emprego

Máis da metade das persoas participantes das oficinas de COGAMI en A Coruña, Ferrol, Ourense e Pontevedra lograron acceder ao mercado laboral grazas a esta iniciativa.
COGAMI supera o obxectivo de inserción laboral no seu Programa Integrado de Emprego
José Ramón Romero usuario Programa Integradode COGAMI A Coruña
José Ramón Romero usuario Programa Integradode COGAMI A Coruña

5 de novembro de 2024. COGAMI vén de finalizar a edición 2023-2024 do seu Programa Integrado de Emprego de Galicia, superando con éxito o obxectivo de inserción laboral para persoas con discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33% ou con incapacidade laboral para a súa profesión habitual.

Financiado pola Consellería de Promoción do Emprego, Comercio e Emigración e o Servizo Público de Emprego Estatal, o programa acadou unha taxa de inserción laboral do 64% das 100 persoas participantes, cun total de 64 persoas que conseguiron emprego nas diferentes sedes: 15 en Ourense, 15 en Ferrol, 18 en Pontevedra e 16 en A Coruña.

Mari Carmen Ínsua, coordinadora da área de Emprego de COGAMI, destaca o éxito do programa, superando “amplamente o obxectivo inicial do 40% de inserción”, e subliña que o programa axuda a mitigar as dificultades que as persoas con discapacidade atopan para acceder ao mercado laboral. “Aínda que non todas conseguiron emprego, o contacto co mercado laboral e a capacitación recibida son aspectos moi positivos”, afirmou.

No programa participaron 54 homes e 46 mulleres das oficinas de COGAMI en Ferrol (25 participantes), Ourense (26), Pontevedra (23) e A Coruña (26). Todos recibiron formación específica en competencias demandadas polo mercado laboral, con máis de 400 horas de capacitación en atención ao cliente, mantemento de instalacións, control de accesos, técnicas administrativas e ofimática. Ademais, realizaron 50 horas de prácticas en empresas, o que lles permitiu adaptarse ás esixencias do mercado. Ínsua tamén resaltou a colaboración das empresas que facilitaron tanto postos de traballo como espazos para prácticas.

O caso de José Ramón Romero, de Abegondo

Un dos participantes destacados é José Ramón Romero, un coruñés de Abegondo de 47 anos. Diagnosticado con problemas nas costas que lle impediron seguir coa súa profesión habitual, José Ramón coñece o programa de COGAMI en 2022 e decide incorporarse para explorar novas posibilidades laborais. No Programa Integrado, José Ramón recibiu formación e participou en traballos temporais cubrindo vacacións e baixas, incluso completou prácticas nunha empresa interesada en contratarlle, aínda que non puido aceptar a oferta por incompatibilidades horarias. “É complicado conciliar porque non podo comezar a traballar antes das 10 da mañá”, comenta, debido ás súas responsabilidades familiares.

José Ramón destaca a importancia deste tipo de iniciativas e defende os dereitos das persoas con discapacidade no ámbito laboral: “somos persoas normais que nos defendemos como calquera outra”. A súa historia é un exemplo de como a inclusión laboral pode contribuír a mellorar a calidade de vida e ofrecer novas oportunidades para as persoas con discapacidade.

COGAMI supera o obxectivo de inserción laboral no seu Programa Integrado de Emprego