CEESG | nota de prensa

Comunicado do Ceesg sobre a nova Convocatoria de Educadoras/es Sociais da Xunta de Galicia

O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, tras a publicación (DOG  Núm. 20 do luns, 29 de xaneiro de 2024) da convocatoria para o proceso selectivo para  o ingreso pola quenda de acceso libre e de promoción interna, no corpo facultativo de  grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade  Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de técnicos facultativos, especialidade de educador social, comunica que: 

 

Comunicado do Ceesg sobre a nova Convocatoria de Educadoras/es Sociais da Xunta de Galicia
CEESGA
CEESGA

A única titulación que debe ser admitida nun proceso selectivo de “Educador/a Social” é a de Educación Social (diplomatura ou grao), e seguirémolo  reivindicando por todos os nosos medios ante a Dirección Xeral de Función  Pública e as organizacións sindicais para esta e as vindeiras ofertas de emprego  público e sucesivas convocatorias. 

  • A aceptación doutras titulacións distintas de educación social nesta nova  convocatoria é un agravio e discriminación para as educadoras/es sociais, así  como un factor que incide na calidade dos servizos socioeducativos. 
  • A creación do título de Educación Social xurdiu ante a necesidade de formación  universitaria especializada á que non daba resposta ningunha titulación das  existentes con anterioridade. 
  • A admisión doutras titulacións nos procesos de estabilización e funcionarización  podía ser xustificable para non afectar ás persoas que, sen ter a titulación de  Educación Social, estaban ocupando os postos interinamente ou como persoal  laboral, neste momento e de cara a novasconvocatorias xa non é admisible. 
  • A Xunta de Galicia debería dar exemplo na defensa do dereito da cidadanía a  recibir unha atención especializada, así como na defensa dos dereitos das persoas  que investiron esforzo, tempo e cartos nunha formación universitaria oficial,  recoñecida pola Administración Pública. 
  • A actual Lei de Emprego Público de Galicia non recoñece o que vimos  reclamando máis o cambio sería posible se houbese unha vontade política real,  pois tamén está na súa man modificar as mesmas normas que promulgaron.

Debemos facer fincapé no caso omiso feito polos sindicatos á hora de defender e tomar  en conta as nosas alegacións nos diferentes borradores desta convocatoria. 

Levamos anos reivindicando o recoñecemento da nosa figura profesional, tanto na  administración, dentro da Relación de Postos de Traballo (RPT), e tamén a nivel privado.  Neste longo camiño fomos acadando pequenos logros (a creación dunha especialidade  coa denominación de “Educador/a Social” xa é unha realidade) pero aínda queda moito  por percorrer. 

Neste momento o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia estuda as  posibles accións a desenvolver ante esta inxustiza para tratar de revertila e impedir que  volva a suceder. 

Somos profesionais comprometidas e comprometidos loitando pola reivindicación da  nosa figura, xa que a cidadanía ten o dereito de contar con educadoras e educadores  sociais nos diferentes servizos e programas para ter as súas necesidades cubertas, recibir  apoio e ter unha mellor calidade de vida e benestar social. 

Convidamos a que as persoas educadoras sociais a través da colexiación e o estudantado contactedes para mantervos informadas das distintas accións que iremos levando a cabo. 

Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, necesitamos estar todas e todos unidas e  unidos para asegurar o dereito da cidadanía a acceder dende as entidades públicas a  profesionais adecuadamente formadas nas distintas universidades galegas no Grao  universitario de Educación Social.

Comunicado do Ceesg sobre a nova Convocatoria de Educadoras/es Sociais da Xunta de Galicia