47 entidades celebrarán unha acción lúdica para dar visibilidade as súas reivindicacións
O Concello colabora na celebración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade
No acto, que terá lugar en María Pita o vindeiro 3 de decembro ás 12.00 horas, terán protagonismo os paraugas como símbolo dunha sociedade acolledora e nel participarán máis de 500 escolares da cidade e a súa comarca, as asociacións implicadas e a cidadanía en xeral
A Coruña, 26 de novembro de 2018.- A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, participou esta mañá na presentación da campaña Baixo o mesmo paraugas. Galicia pola diversidade, coa que 47 entidades sociais da cidade e de toda Galicia celebran o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que se conmemora o vindeiro 3 de decembro. O acto, que se celebra na praza de María Pita ás 12.00 horas, permitirá visibilizar mediante unha acción con paraugas de cores e de xeito lúdico a diversidade da sociedade e o traballo que realizan as entidades deste ámbito. A edil de Igualdade e Diversidade agradeceu o impulso e o traballo das organizacións, en especial de Aspace, que iniciou en 2016 unha celebración que “suma cada ano a máis asociacións nesta reivindicación e que se vai estendendo a outras cidades de Galicia”.
A responsable municipal de Igualdade e Diversidade salientou a boa acollida que está a ter un acto público que crece cada ano e animou á cidadanía a tomar parte desta ‘paraguada’ na que está prevista que participen máis de 500 escolares da Coruña e da área metropolitana o vindeiro día 3. Un feito resaltou a directora xerente de Aspace Coruña, Sonia Ruíz, xa que, dixo “las aulas son grandes aliadas porque la inclusión debe trabajarse desde la infancia para lograr el cambio social que queremos”. Neste sentido, Fraga lembrou que o Goberno local traballa para acadar a sensibilización, inclusión e recoñecemento ante das diferentes diversidades a través de programas como o de Cultura Accesible e Inclusiva e o de Deporte Solidario, que se impulsan coa Fundación Emalcsa. Un labor que se completa con diferentes investimentos para acadar unha cidade máis accesible, sobre todo no referente á mobilidade no que se están a executar melloras en case todos os barrios --entre os que citou as actuacións no distrito 4, a adaptación dunha das entradas ao Parque de Santa Margarida ou a conexión accesible nas rúas Maestro Clavé e José Cornide-- “co obxectivo de acadar unha cidade máis inclusiva”. Un traballo que, dixo, sempre é insuficiente pero que marca a liña a seguir para acadar unha sociedade máis diversa e inclusiva. Así, quixo agradecer o traballo de Aspace e tamén o do impulsor da iniciativa, o seu ex-director xerente, Eulogio López, do que salientou a súa dedicación e bo entendemento.
O acto previsto na praza de María Pita para o Día Internacional da Diversidade Funcional e Sensorial consiste nun acto con paraugas abertos “para dar visibilidad al movimiento asociativo y demostrar como una sociedad plural y diversa nos acoge a todos por igual”, no que tamén se dará lectura a un manifesto e aos desexos e peticións que teñen as 47 asociacións que participan na súa organización. As entidades implicadas son: ACEM, ADACECO, AFACO, AIND, APEM, Artefíos, Asociación Pascual Veiga, ASPABER, ASPACE CORUÑA, ASPADISOL, ASPAMITE, ASPANAES CORUÑA, ASPANAES SANTIAGO, ASPAYM GALICIA, ASPERGA, ASPESOR, ASPRONAGA, DISMACOR, DOWN COMPOSTELA, DOWN CORUÑA, FEAFES, FEGADACE, FEGEREC, Fundación ADCOR, GRUMICO, ONCE, PAI MENNI, Parkinson Galicia, PREDIF, Red Española FM, SFC, SQM, SARELA e a Unidade de Parapléxicos na provincia da Coruña e ACCESCA, ALENTO, AMENCER, AMIZADE, APAMP, Asociación Juan María, Asociación San Rafael, Asociación Juan XXIII, Asociación Viguesa de Esclerosis Múltiple, ASPANAEX, EVD Galicia, Federación ASPACE Galicia, Fundación Aldaba, Fundación Menela e San Xerome Emiliani na de Pontevedra.