A Comisión leva semanas pedindo, sen resultado, que as Administracións Públicas actúen

A CRMH advirte que Fundación Franco estase rindo de Galiza

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña pide á Xunta de Galicia, ao seu Presidente e á Consellería de Educación e Cultura que actúen xa contra a Fundación Franco e fagan valer a súa autoridade diante da mofa que a fundación franquista está facendo do pobo galego e das institucións democráticas do Estado.

A CRMH advirte que Fundación Franco estase rindo de Galiza
Pazo_de_Meirás_05
Pazo de Meirás

A nova provocación da Fundación Francisco Franco, que acaba de anunciar que dá por canceladas ás visitas ao Pazo de Meirás, non pode quedar impune.

A Fundación Franco e a familia Franco, que xestionan un espazo declarado BIC, non só están reiteradamente incumprindo a normativa ao respecto se non que agora búrlanse das institucións democráticas, que seguen pasivas incidindo na subordinación do PP aos herdeiros do ditador.

A CRMH vén impulsando iniciativas desde hai semanas para poñer freo as actividades da fundación franquista. Porén, até hoxe ningunha institución deu resposta ás nosas demandas máis alá de declaracións de intencións.

- O día 31 de xullo pedimos o amparo da máxima institución democrática do país, o Parlamento galego, e solicitamos dela unha condena firme do negacionismo que promove a Fundación Franco.

- O día 2 de agosto dirixímonos ao Goberno do Estado para que puxera freo á continua e impune apoloxía do franquismo por parte da Fundación Franco e que ilegalizara a esa entidade, botando man ben da lei de fundacións ben do Código Penal.

- O día 9 de agosto sentámonos na mesa da Deputación xunto a representantes do goberno provincial e dos gobernos municipais de Sada e da Coruña, así como a UDC, na que acordamos, de novo, rexeitar a aquela entidade. E tamén acordamos constituír “con carácter inmediato” unha Xunta Pro Devolución do Pazo de Meirás.

- O día 15 de agosto suxerimos que a primeira acción da Xunta Pro Devolución do Pazo de Meirás fora impulsar unha denuncia por delito de odio contra a Fundación Franco.

A CRMH advirte que Fundación Franco estase rindo de Galiza