Memoria Histórica
A CRMH apoia as iniciativas de En Marea para pararlle os pés á Fundación Franco
A Fundación Franco enviou cartas a concellos de todo o Estado nas que ofrece asesoramento xurídico para axudalas a incumprir a Lei da Memoria Histórica.
Fernando Souto, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, participou esta mañá nunha rolda de prensa xunto aos deputados coruñeses de En Marea, Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino.
Os deputados presentaron as iniciativas que o seu grupo levará ao Congreso coa intención de frear as actuacións que está levando a cabo a Fundación Franco, contrarias a Lei da Memoria Histórica.
“Agradecemos a todos os partidos, e neste caso a En Marea, calquera iniciativa en prol dos dereitos humanos, porque é nese marco onde hai que situar estas iniciativas: no da defensa dos dereitos humanos fronte a una entidade que se financia con cartos públicos e que pretende violar a lei. Nos entendemos que o Estado non pode subvencionar a fundacións que animen a incumprir a lei ou elas mesmas a incumpran”, dixo Fernando Souto.
A Fundación Franco enviou recentemente cartas a máis de trescentos concellos de todo o Estado nas que ofrece asesoramento xurídico gratuíto para axudalas a incumprir a Lei da Memoria Histórica, como está acontecendo no caso do concello de Callosa de Segura, en Murcia. Os deputados non souberon precisar se algunha desas cartas chegou a concellos coruñeses ou galegos.
“Dicimos non a elementos que veñan a dificultar a convivencia e animamos a todos os partidos, en especial ao Partido Popular, a que se aveña a falar sobre a memoria histórica e axude a convertela nunha cuestión de Estado en base aos principios de xustiza, verdade, reparación e garantías de non repetición, expresados por Nacións Unidas”, subliñou o presidente da CRMH.
As iniciativas que presentará o grupo de En Marea-Unidos Podemos no Congreso de Madrid solicitan, por unha banda, información a Goberno sobre os recursos públicos que recibe a Fundación Franco; por outra, que se modifique a normativa estatal sobre as fundacións para que se prohiba de modo expreso a exaltación das ditaduras e se establezan causas de extinción das fundacións cando incumpran a lei. E finalmente instan a Goberno que actúe contra os patronos da Fundación Franco se teñen incorrido nalgunha ilegalidade coas súas actuacións ou pronunciamentos públicos.