Memoria histórica

A CRMH aprecia nostalxia do franquismo nas críticas do PP á exposición sobre o movemento obreiro na Coruña

A forza necesaria, deseñada por Pepe Barro e co aval de historiadores de prestixio, permanecerá en María Pita até o luns.

A CRMH aprecia nostalxia do franquismo nas críticas do PP á exposición sobre o movemento obreiro na Coruña
Paneis da exposición A forza necesaria que estará en María Pita até o luns-min
Paneis da exposición A forza necesaria que estará en María Pita até o luns.

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) aprecia “unha actitude propia de nostálxicos do franquismo” detrás das críticas vertidas desde o Partido Popular da Coruña ao Concello respecto da exposición A forza necesaria, que se exhibe na praza de María Pita até este luns.

“A voceira do Partido Popular , Rosa Gallego, descualificou ao artista Pepe Barro por motivos ideolóxicos e desprezou a loita polos dereitos laborais”, sinalaba Marea Atlántica nunha nota de prensa emitida onte, na que recoñecía que Barro foi asinante do manifesto da Marea Atlántica, mais incidía en que tal circunstancia non o inhabilitaba para “ser contratado por unha institución pública en base as súas preferencias ou simpatías políticas”.

A CRMH felicitou á concellaría de Emprego e Economía Social pola exposición A forza necesaria, inaugurada con motivo do Primeiro de Maio, polo “valor didáctico, educativo e informativo” da mostra, e suxeriu que “debería trasladarse nos próximos meses aos barrios da cidade e centros educativos”. A Comisión recordou que a exposición conta é froito tamén “do traballo de prestixiosos historiadores como Eliseo Fernández, Dionisio Pereira e Gustavo Hervella”.

Precisamente esta tarde, a partir das 19.30 horas, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, ten prevista unha visita á exposición guiada por Pepe Barro.

Cartel da exposición A forza necesaria


 

A CRMH aprecia nostalxia do franquismo nas críticas do PP á exposición sobre o movemento obreiro na Coruña