IGADI
O IGADI presenta o seu informe anual sobre o estado do planeta “IGADI Annual Report 2020-2021: Nova normalidade e sociedade de risco global”
A decimocuarta edición do IGADI Annual Report serve un ano máis para realizar unha análise da xeopolítica internacional e a política global desde Galicia, no obxectivo de achegarse aos acontecementos máis destacados do ano pasado así como as dinámicas de fondo que modelan a realidade internacional e as perspectivas en curso para este 2021.
Desta maneira o anuario identifica na emerxencia da Covid-19 o potencial punto de inflexión dos riscos acumulados pola sociedade internacional nas últimas décadas. Así as cousas os acontecementos do primeiro trimestre do ano 2021, coma o asalto ao Capitolio, as primeiras consecuencias do Brexit, as novas ondas e cepas da Covid19, a dificultosa xestión da produción e administración universal das vacinas ou o colapso do Canal de Suez, alertan para un presente e futuro onde convivirán crises xa coñecidas no planeta da última década, con novos escenarios aparecidos froito da evolución da sociedade internacional e particularmente da crise sanitaria global.
Con esta reflexión inicial, o anuario arranca coa definición das Chaves e Perspectivas onde perfilamos algúns dos debates que caracterizaron o 2020 e que están a debullar o ano en curso. A definición das mesmas non aspiran a unha lectura totalizante da moi efervescente vida e riscos globais actuais, mais si a servir de guía para identificar as variables centrais e as potenciais vías de cooperación e conflito entre potencias mundiais e rexionais, así coma outros actores coma movementos sociais, empresas ou grupos de interese de moi variado perfil.
Posteriormente, nas Análises por Áreas xeográficas achegámonos acentuadamente ao escenario electoral de 2021 en Alemaña así coma ao caso Navalny en Rusia, da man de Christoph Schreinmoser e Miriam Francisco respectivamente. Con maior amplitude achegámonos ao estado das cousas en Marrocos, China e as América, coa colaboración de David Alvarado, Lan Bo e Wesley ST Guerra.
A seguir, nas Áreas transversais, achegámonos aos impactos da crise económica que a epidemia trouxo da man de Javier López Prol, así coma á guerra tecnolóxica entre os Estados Unidos de América e a China da man de Alfredo Toro Hardy, o impacto da pandemia sobre os feminismos nun artigo de María Xosé Porteiro, á natureza das migracións no contexto pandémico por David Alvarado, así coma os impactos da Covid-19 no terrorismo xihadista coa colaboración de Luis Francisco.
Por último, pechamos o IAR coas Personaxes do ano 2020, onde destacamos as figuras de Tsai Ing Wen (Presidenta de Taiwán), Tedros Adhanom Ghebreyesus (Director Xeral da OMS), George Floyd (afroamericano asasinado pola policía dos USA), Jacinta Ardern (Presidenta de Nova Zelandia) e Luis Arce (Presidente de Bolivia).
O IGADI agradece de maneira especial a todas as persoas colaboradoras a súa participación no IAR 2020-2021, así coma a SX de Política Linguística que posibilita a edición e impresión do documento.