Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica leva á Deputación unha inciativa para reclamar que non se implanten peaxes nas autovías
A redución do uso do vehículo privado debe conseguirse co fomento do transporte público e a mobilidade sostible, non con impostos indiscriminados que penalizan a toda a poboación
Solicitamos, ademais, o peche das granxas de visóns en Galicia polo seu risco sanitario. Só na provincia da Coruña existen 20 instalacións deste tipo
A Coruña, 27 de maio de 2021.- A Marea Atlántica defenderá mañá, no Pleno da Deputación, unha iniciativa para instar ao Estado a non aplicar a peaxe nas autovías, anunciada en abril como parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia remitido á Unión Europea, e a substituír esta medida por impostos directos ás empresas e actividades máis contaminantes, e por unha fiscalidade máis xusta e redistributiva.
Se ben é necesario e urxente reducir as emisións de CO2 e uso do vehículo privado, isto debe facerse a través do fomento do transporte público e da penalización dos modelos máis contaminantes, non dunha peaxe indiscriminada e que afecta a toda cidadanía por igual. Gravar a circulación por autovías encarecerá o transporte por estrada, e desviará o tráfico de camións cara estradas secundarias moito peor preparadas para soportalo, con risco para a seguridade vial.
Con estes motivos sobre a mesa, pedirémoslle aos grupos representados na Deputación que tomen partido e rexeiten a medida anunciada polo goberno do Estado.
Peche das granxas de visóns
Presentaremos, ademais, unha moción para esixir o peche das granxas de visón americano en Galicia, polo seu risco como focos de transmisión da COVID-19 e polas súas prácticas de maltrato animal. Á par, debe aprobarse un plan de transformación empresarial, para que non se perda o emprego derivado que crean estas instalacións, con axudas que fomenten unha transición ecolóxica xusta cara actividades con menos impacto ambiental.
O noso voceiro provincial, Alberto Lema, lembra que “hai sobrados casos de transmisión do coronavirus por zoonosis desde os visóns, e mentres países como Francia, Bulgaria ou Polonia traballan para o seu peche, aquí a pasividade é preocupante. Só se fan test se aparecen síntomas, algo perigoso porque os mustélidos, coma o ser humano, poden ser asintomáticos. Xa tivemos casos nas granxas da Baña e Santiago de Compostela, con risco para as vilas e cidades próximas”.
O 80% das granxas de visón están en Galicia
Galicia alberga 25 granxas de visóns, o 80% das que existen no Estado, e 20 delas sitúanse na provincia da Coruña. Ademais do seu risco sanitario inmediato, xa foron sinaladas en numerosas ocasións por colectivos ambientalistas como focos de maltrato animal, debido a súa baixa regulación. E a presenza do visón americano ten riscos adicionais, pois cando escapa das instalacións peleteiras despraza especies autóctonas, con gran impacto na biodiversidade. Por todo isto, procuraremos o apoio do Pleno provincial para instar á Xunta a pechar estas instalacións.
O peche, necesariamente, ten que vir da man dun plan de emprego que protexa os postos e traballo e permita unha transición ecolóxica que non pague sempre quen menos culpa ten. Desde a Deputación e a Xunta debería poñerse en marcha un plan de axudas que favoreza a creación de novas actividades económicas con menos impacto ambiental.