Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica reclama a derrogación do Decreto de Plurilingüismo de Feijóo
Estudos recentes da Real Academia Galega e do Consello de Europa sinalan o ambiente escolar coma hostil para o galego e contrario á Carta Europea das Linguas Minoritarias
A Marea Atlántica reclamará este venres, desde o Pleno da Deputación da Coruña, a derrogación inmediata do chamado Decreto do Plurilingüismo no ensino da Xunta de Galicia, responsable do grave retroceso do uso da nosa lingua nas aulas de infantil, primaria e secundaria. Así o sinalan o informe do Consello de Europa de abril de 2021 e o recente Mapa Sociolingüístico da Real Academia Galega, no que se denuncia que “ o medio escolar é hostil para o galego”.
O voceiro provincial da Marea Atlántica, Alberto Lema, explica que “a etapa educativa fai que dous terzos das persoas que falan galego abandonen a súa lingua. Pasan de ser tres de cada dez a unha de cada dez”. Así, un 32,4% do alumnado é galego falante antes de ingresar no ciclo de Educación Infantil, pero un terzo renuncia a seguir empregando o galego tras o seu primeiro contacto coas aulas. Queda un 21,1%, que se reduce ao 15,6% en Primaria e ao 11,4% en Secundaria, segundo as conclusións do estudo da RAG.
Ante esta situación, presentamos unha moción para reclamar a derrogación das leis de Feijóo e para reclamar unha nova lei que garanta a especial protección do galego no ensino e na administración pública, apostando pola normalización e a recuperación de falantes da lingua propia de Galicia. Agardamos poder contar co apoio maioritario dos grupos da Deputación.