Comparecencia informativa: Prioridades do novo grupo parlamentar do BNG para a Coruña e a comarca
Mercedes Queixas: "A ver se é capaz Rueda de lle dicir ás coruñesas e coruñeses que A Coruña non ten un grave problema de acceso á vivenda e que non ten que ser declarada zona residencial tensionada"
A Coruña, a 2 de abril de 2024. Entre as prioridades do novo grupo parlamentar do BNG en relación á Coruña figura de forma moi destacada a declaración da cidade como zona residencial tensionada en materia de vivenda.
“A ver se é capaz Rueda de lle dicir ás coruñesas e coruñeses que esta cidade non ten un grave problema de acceso á vivenda e que non ten que ser declarada zona residencial tensionada”, afirmou Mercedes Queixas nunha comparecencia informativa xunto coa tamén deputada Iria Taibo, unha conferencia de prensa co propósito de presentar as tarefas prioritarias para o novo grupo parlamentar do BNG.
“Como xa anticipou na campaña a nosa portavoz nacional, Ana Pontón, o BNG vaille dar impulso á declaración da Coruña como zona tensionada. A vivenda é un problema social de primeira orde na nosa cidade. Canto á comarca, desde logo poremos o foco na mellora da mobilidade e nese sentido unha das nosas tarefas centrais será a de promover a constitución da Área Metropolitana”, avanzou.
A comparecencia abriuna Daniel Carballada, responsábel comarcal do BNG, quen puxo en destaque que na nosa comarca o incremento porcentual do Bloque nas pasadas eleccións galegas en relación aos anteriores comicios -56%, de 44 mil votos a 68 mil- foi superior ao rexistrado no conxunto do país -cun aumento do 50%.
Por súa parte, Iria Taibo -oleirense que se estrea na cámara galega- avanzou que unha das primeiras iniciativas do BNG será a proposta dun novo plan viario comarcal (o vixente ten 20 anos) e o impulso dunha infraestrutura de comunicación tan básica como a Vía Ártabra, recuperando o seu deseño orixinal, vertebrador da comarca.
“Son moitos os deberes pendentes da Xunta coa comarca da Coruña”, remarcou Queixas, quen a seguir avanzou: “Desde o BNG darémoslle voz propia en continuidade co labor feito na pasada lexislatura. E cada crítica sempre irá acompañada dunha proposta alternativa”.
Queixas e Taibo poñen o acento no necesario reforzo dos servizos públicos -sanidade, educación, coidado das persoas idosas, atención á dependencia- ben como tamén no reforzo da mobilidade en tren, coa mellora necesaria da conexión con Ferrol.
“Desde o BNG pensamos nas persoas como centro do noso labor e por iso facemos propostas políticas para mellorar a vida das persoas. Imos estar á altura da inmensa confianza recibida: no BNG continuaremos a traballar para transformar o País cunha oposición útil e construtiva, con outra forma de facer política lonxe da crispación e os insultos”, concluíu.