Defende Meirás | nota de prensa

“O movemento memorialístico galego non vai renunciar a manifestarse no interior de Meirás o 19X”

A mobilización da memoria pretende afirmar a propiedade pública e reivindicar a protección para todos os bens do espazo.

“O movemento memorialístico galego non vai renunciar a manifestarse no interior de Meirás o 19X”
Rolda de Prensa de DEFENDE MEIRÁS. Carlos Babío e Aurora Paz. Xoves 10 de xuño 2021 (1)
Rolda de Prensa de DEFENDE MEIRÁS. Carlos Babío e Aurora Paz. Xoves 10 de xuño 2021 (1)
  • Tanxugueiras protagonizarán a festa nos xardíns de Meirás o 19 de xuño cunha actuación que porá o ramo á manifestación en defensa do Pazo.
  • O ilustrador Luis Davila cedeu a viñeta para o cartel do evento na que o pobo toma as chaves do Pazo de Meirás.
  • A CRMH da Coruña e o Concello de Sada disporán autobuses desde A Coruña e Sada para facilitar os desprazamentos.

A Coruña, 10 de xuño de 2021.- “Asumiremos as condicións que determine o Estado, mais non imos renunciar a manifestarnos no interior do Pazo de Meirás o próximo 19 de xuño”, advertiu Carlos Babío, portavoz da Iniciativa Defende Meirás, durante a presentación este xoves do evento que o movemento memorialístico galego convoca co apoio de máis de sesenta asociacións veciñais e sociais como colofón á campaña lanzada pola Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) hai un mes.

O Pazo para o pobo e a memoria é o lema da mobilización, que contará coa participación dos actores Isabel Risco e Fernando Morán e a actuación do trío de pandeireteiras Tanxugueiras nun breve acto nos xardíns das Torres que porá fin a un recorrido desde as portas da explanada principal, rodeando o edificio principal. Todo, en pouco máis dunha hora, segundo as previsións da organización, coa que colabora o Concello de Sada.

“O Goberno central anunciou onte (mércores) que as portas do Pazo abriranse o 25 ou o 26, nin sequera concretou a data, todo moi precipitado. A realidade é que fan ese anuncio porque Defende Meirás ten convocada esa manifestación para a fin de semana anterior”, explicou Babío, acompañado polo alcalde de Sada, Benito Portela, e por Aurora Paz, activista da CRMH da Coruña.

“Pedimos todos os permisos, indicamos o que imos facer e co máximo respecto e coidado polo espazo, mais a resposta do Goberno central a través do Secretario de Estado de Memoria Democrática foi que o Pazo non se abrirá o 19”, dixo Babío. “Despois de seis meses, o Estado non pode seguir impedindo a entrada a Meirás do movemento memorialístico e da sociedade civil galega”.

“Con todo o respecto para o turismo, que desexamos sexa moi pronto un elemento dinamizador máis do Pazo, nós, as memorias do país, non somos unha excursión de turistas. Somos o movemento memorialístico da Galiza, o movemento que durante corenta anos loitou contra os Franco e que foi clave para recuperar a propiedade de Meirás, como recoñeceu a propia sentenza que lle outorgou o Estado esa propiedade”.

A preguntas dos xornalistas, o portavoz de Defende Meirás dixo que os convocantes están dispostos a atender todas as recomendacións que lles cheguen do Goberno central para adaptar o acto do 19 de maneira que se poida celebrar nos xardíns das Torres. E tamén avogan por “recompoñer” o chamado “método Meirás”, definición que utiliza o propio secretario de Estado, Fernando Martín, para referirse á colaboración entre institucións e sociedade civil na consecución de obxectivos memorialísticos. Babío lamentou que “ese espírito do método Meirás teña rachado” e resumiu: “O movemento memorialístico galego non vai renunciar a manifestarnos no interior de Meirás o 19X”.

Minutos antes, Aurora Paz, explicou que os colectivos de memoria do país conseguiron “sacar aos Franco de Meirás” e agora van “abrir as portas á democracia”. Paz subliñou que “será a primeira vez en máis de 80 anos que a sociedade civil galega vai entrar en Meirás e vai entrar para defender o Pazo do último intento de espolio dos Franco”.

Pola súa banda, o alcalde de Sada, Benito Portela, manifestou o “total compromiso” do Concello de Sada coa mobilización e cos fins que persegue, convidou ao resto de Administracións públicas a sumarse á iniciativa e volveu advertir a respecto da urxencia de que a Xunta de Galiza tramite a mellora da protección dos bens inmóbeis do Pazo.

Cartel da manifestación coa viñeta de Luís Davila

A CONCENTRACIÓN

A Iniciativa Defende Meirás convocou unha concentración na explanada principal do Pazo de Meirás para as 12 horas do sábado 19 de xuño. DEFENDE MEIRÁS conta co apoio de máis de sesenta entidades de memoria e colectivos veciñais e sociais de todo o país, tamén partidos políticos, para animar a participación da sociedade civil galega e desenvolve desde hai un mes unha campaña para reclamar o aumento da protección de todos os bens (especialmente os móbeis) do Pazo de Meirás diante da pretensión da familia Franco de continuar o espolio. O ilustrador Luis Davila é o autor da viñeta que cedeu para o cartel do evento. No debuxo, de Davila o pobo toma as chaves do Pazo de Meirás. “Tócanos a nós!”.

O ACTO

Inmediatamente despois da concentración terá lugar a entrada o Pazo de Meirás, nunha marcha que estará encabezada por unha pancarta con lema do evento: O Pazo para o pobo e a memoria. O recorrido rematará nos xardíns diante das Torres onde a organización, coa colaboración do Concello de Sada, habilitará un escenario. A actriz Isabel Risco e o actor Fernando Morán, habituais nos últimos anos en todas as campañas pola devolución do Pazo, encargaranse da presentación do acto. O trío de pandeireteiras Tanxugueiras, composto por Aida, Olaia e Sabela, unha das grandes formacións actuais da música galega, ofrecerá un breve concerto. As intervencións desde o escenario rematarán coa lectura da Declaración de Meirás, asinada por todas as entidades convocantes a principios de maio. Lectura que farán Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo, portavoces da Iniciativa Defende Meirás.

O RECORRIDO

A proposta de utilización de espazos nos xardíns do Pazo de Meirás -enviada pola Iniciativa DEFENDE MEIRÁS á Secretaría de Estado de Memoria Democrática a finais de maio- sinala a concentración previa á entrada na explanada principal de acceso á finca, despois un percorrido de oeste a este rodeando as Torres e a celebración da actuación musical e a lectura do manifesto nos xardíns diante do edificio, e, finalmente, a saída ordenada pola porta este, a que habitualmente se usa para as visitas turísticas.

A duración do evento dentro da finca, incluíndo o recorrido polos xardíns e os actos sobre o escenario, apenas se prolongará durante unha hora, segundo as estimacións da organización, que disporá un servizo de orde para que as asistentes se manteñan dentro das zonas establecidas e seguindo os protocolos sanitarios de distancia social.

AS REIVINDICACIÓNS E A CAMPAÑA EN MARCHA

DEFENDE MEIRÁS iniciou esta primavera unha campaña para alertar á sociedade galega das pretensións da familia Franco de continuar co espolio en Meirás rapinando bens móbeis do Pazo co consentimento da xustiza española. DEFENDE MEIRÁS é unha campaña lanzada pola Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) que agrupa ás principais entidades de memoria histórica do país. O movemento memorialista galego esixe da Xunta de Galiza, en concreto, do departamento de Cultura que dirixe Román Rodríguez, que aumente a protección sobre estes bens que agora reclaman os Franco colocándoos baixo o paraugas do BIC.

DEFENDE MEIRÁS pediu unha actuación ben simple por parte da Xunta: a publicación do catálogo de bens móbeis de Meirás, incorporándoos como anexo na declaración de Ben de Interese Cultural e asociados á categoría de sitio histórico.

Mais a Xunta e o Goberno central entraron nunha disputa de carácter político sobre quen tiña ou non tiña as competencias para blindar eses bens fronte a rapina dos Franco, ao tempo que mostraron dúbidas na estratexia xudicial a seguir. De novo tivo que ser a sociedade civil galega quen urxise unha solución diante da ameaza dun novo espolio ao tempo que animase ás Administracións a abrir de vez as portas de Meirás á veciñanza, algo que se comprometeron a ter feito xa hai seis meses.

Sen dúbida, foi esta campaña en marcha –na que DEFENDE MEIRÁS non só alentou accións concretas, como a campaña en change.or (https://bit.ly/3u9FVcD) e a campaña de cartas á Consellería de Cultura (https://defendemeiras.blogspot.com/p/protexamos-o-que-e-noso.html), senón que tamén se esforzou por dar a coñecer bens do Pazo susceptíbeis de ser retirados polos Franco co amparo xudicial– a que obrigou onte (mércores) o Estado a decidir a inmediata apertura do Pazo de Meirás ás visitas.

“O movemento memorialístico galego non vai renunciar a manifestarse no interior de Meirás o 19X”