CGT | nota de prensaNa
A asemblea xeral de Navantia-Ferrol rexeita a proposta para as futuras convocatorias de prazas
Onte, luns 7, celebrouse en Navantia-Ferrol unha asemblea xeral da principal para debater o acordo alcanzado na Comisión Central de Emprego sobre os procesos das futuras convocatorias de prazas de ingreso en Navantia.
10 jun 2021
Só CCOO defendeu o acordo. A CGT, CIG e MAS opuxémonos. A sentenza da asemblea foi inapelable: a gran maioría dos traballadores pronunciouse en contra. Para contar os votos a favor chegaron os dedos dunha soa persoa (e sobraron algúns).
A CGT expuxo na asemblea os principais motivos que nos levan a rexeitar a proposta:
- Non recolle a posibilidade da inscrición presencial, algo necesario vistos os problemas do portal de emprego de Navantia.
- Mantén a subcontratación de partes do proceso.
- Puntuación distinta para os mesmos títulos académicos segundo se obtivesen na FP dual ou na FP non dual.
- Falta de transparencia:
- A identificación dos candidatos/as será por DNI, non por nome e apelidos.
- A puntuación do baremo seguirá sen aparecer desglosada por conceptos.
- Falta de obxectividade:
- A selección dos titulados universitarios segue a ser totalmente subxectiva.
- Aparece a posibilidade dunha entrevista persoal para determinadas prazas de oficinas, que valerá os mesmos puntos có exame práctico. Este aspecto é particularmente grave porque significa a introdución da subxectividade nunhas prazas que até agora sempre se rexeron por criterios obxectivos (agás o precedente da entrevista co psicólogo nas prazas de operarios-empregados júnior 2019).
- Limitación a 12 anos da antigüidade dos títulos.
- Recorte nos anos máximos de puntuación por experiencia profesional nas prazas de operarios e empregados sénior: actualmente son 15 e se baixa a 10.
- Non recolle ningunha solución para o grave problema da acreditación da experiencia profesional, que, como se está vendo no proceso das prazas de operarios e empregados sénior 2019 actualmente en marcha na nosa comarca, provoca uns índices de non admisión altísimos, superiores ó 90% nalgunhas profesións.
A CGT cre que a cuestión da subxectividade e os numerosos problemas causados por RRHH de Navantia nos procesos de novos ingresos son un problema sindical de primeira orde e que é necesario abordalo sindicalmente con toda determinación, para poñer fin ás arbitrariedades e garantir os procesos obxectivos e transparentes que debe haber nunha empresa pública.