A campaña “pon o foco sobre as desigualdades desmedidas”.

Pobreza Cero: móvete contra contra a desigualdade obscena

A edil Rocío Fraga presentou a campaña Pobreza Cero, “que pon o foco sobre as desigualdades desmedidas nun mundo no que 8 homes acumulan tanta riqueza como a metade máis pobre da humanidade”

Pobreza Cero: móvete contra contra a desigualdade obscena
Rocío
Antón González, Rocío Fraga e María Paz

Concello da Coruña | 17/10/2017

​A Concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, destacou esta mañá o compromiso do goberno local a prol da igualdade e da equidade a través das súas políticas públicas. Fíxoo no marco da presentación da Campaña Pobreza Cero, que se desenvolve esta semana baixo o lema Móvete contra a desigualdade obscena, e que, nesta ocasión, “pon o foco sobre as desigualdades desmedidas”. Tal e como destacou a edil, a iniciativa ten como finalidade sensibilizar “sobre a situación de inxustiza global e de feminización da pobreza, pois vivimos nun mundo cun grado de desigualdade moi evidente e no que só 8 homes do mundo acumulan tanta riqueza como a metade máis pobre da humanidade”, á vez que pretende solicitar ás administracións municipais, autonómicas e do Estado “que se impliquen e incorporen, nos orzamentos de 2018, medidas para rematar coas diversas desigualdades”. “As administracións públicas temos capacidade para implantar políticas públicas sociais, colaborar coa axuda ao desenvolvemento ou avogar pola xustiza fiscal para acadar a redistribución da riqueza”, dixo a edil. A este respecto, a responsable municipal salientou que o goberno local “ten, como prioridade, facer desta unha cidade máis xusta e igualitaria”.

“O goberno municipal está a traballar, desde o primeiro día, na implantación de políticas de xustiza social e fiscal, e faino da man de entidades sociais de cara a acadar, na cidade, o obxectivo de pobreza cero”, afirmou a edil, que estivo acompañada no acto de presentación por María Paz e  Antón González, da Coordinadora Galega de ONGDs, que impulsa a Campaña Pobreza Cero.

“Arestora, o Concello da Coruña conta con numerosas medidas que van na liña das demandas da iniciativa”, resaltou Rocío Fraga. Entre elas, citou a implantación da Renda Social Municipal, “que ten como finalidade axudar a cubrir as necesidades básicas de persoas en situación de vulnerabilidadade social, e que finalizará este ano con máis de 200 rendas concedidas”, o programa social A Flote, recurso no que o Concello inviste 120.000 euros para dotar de ferramentas á intervención social “e contribuír á plena inserción das persoas beneficiarias e axudalas a recuperar a súa autonomía”, o Plan de Acceso a un Hábitat Digno, “que traballa nos diferentes asentamentos precarios da cidade”, ou as bolsas comedor e a nova tarificación nas escolas infantís municipais. Ademais, tal e como destacou a edil, o goberno local ten asinados convenios para tratar de contrarrestar a pobreza enerxética das persoas que se atopan en risco de vulnerabilidade social, “e evitar que ningunha veciña ou veciño quede sen luz ou auga”.

A concelleira de Igualdade tamén lembrou que o goberno local incorporará de cara ao 2018 novas propostas que afondarán na xustiza fiscal, coa implantación das novas ordenanzas fiscais “que propoñen unha maior progresividade e xustiza redistributiva”, lembrou Fraga. Por outra banda, e tamén en resposta ás demandas de Móvete contra a desigualdade obscena, a edil lembrou que o Concello da Coruña aumentou a súa axuda ao desenvolvemento e acción humanitaria e inviste 60.000 euros ao ano no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, “sendo o consistorio que máis achega de Galicia”, así como vincula as axudas e liñas de subvención da súa área “a accións de sensibilización neste eido”.


Iluminación​ ​da​ ​Torre

Entre as iniciativas que se desenvolvnesta semana no marco da campaña Pobreza Cero, e co gallo da celebración do Día Internacional de Loita contra a Pobreza e Exclusión Social, o martes iluminouse a Torre de Hércules de cor vermella. Ademais, durante o mércores, recolleronse sinaturas na contorna do Obelisco para solicitar ás administracións públicas que incorporen, na elaboración dos presupostos do ano que vén, un incremento do orzamento destinado para políticas públicas sociais de inclusión e protección --educación e medidas de protección da infancia, sanidade, políticas para a igualdade e contra a violencia de xénero, protección do desemprego e inserción sociolaboral, renda mínima de inserción ou Lei de Dependencia-- e para a axuda ao desenvolvemento e acción humanitaria ata acadar o 0,7% do presuposto, ou a aprobación dunha lei contra a fraude fiscal dirixida á erradicación dos paraísos fiscais. Ademais, co obxectivo de visibilizar a campaña, levaranse a cabo accións nas redes sociais baixo o cancelo #DesigualdadObscena.

Para máis información sobre Móvete contra a desigualdade obscena, ou acceder ao manifesto da campaña, pode visitarse a páxina web www.pobrezacero.org

Pobreza Cero: móvete contra contra a desigualdade obscena