BNG | nota de prensa
Rego urxe ao Estado a evitar un novo espolio no Pazo de Meirás
Madrid, 3 de maio de 2021. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, acaba de rexistrar unha nova iniciativa na cámara baixa co obxectivo de que o Goberno do Estado actúe decididamente e con axilidade, utilizando as ferramentas legais de que dispón, para paralizar a retirada dos bens inmóbeis do Pazo de Meirás. A formación nacionalista exixe, que de ser necesario, se presenten unha nova demanda, para reclamar a titularidade dos bens móbeis do interior do Pazo e evitar un novo espolio do patrimonio cultural e artístico do pobo galego.
Após a resolución xudicial que permite que os Franco retiren os bens inmóbeis do Pazo de Meirás, o BNG alertou de que isto suporía facilitar un novo saqueo legalizado no patrimonio histórico, cultural e artístico do pobo galego. Entre os bens que a día de hoxe se encontran no Pazo están, por exemplo, as torres desmontadas do pazo de Dodro, escudos nobiliarios, cruceiros, pilas bautismais, a biblioteca de Emilia Pardo Bazán e mesmo as dúas esculturas atribuídas ao Mestre Mateo de Abraham e Isaac, que formaban parte do Pórtico da Gloria orixinal, e que teñen a consideración de BIC e foron reclamadas como propiedade do Concello de Santiago.
“Hai medidas legais que poden adoptarse de forma urxente para evitar que os Franco leven o patrimonio de Meirás. En primeiro lugar, cabe a posibilidade de recorrer a resolución e tamén facer as alegacións pertinentes na solicitude presentada pola familia do ditador para destruír os inventarios realizados por Patrimonio, e iso correspóndelle á Avogacía do Estado, como parte principal no proceso” subliña o deputado nacionalista. “Debe actuarse de forma decidida e impedir, por todos os medios, a saída dos bens móbeis de Meirás. Así, por exemplo, cabe empregar tamén a protección que outorga a declaración como Ben de Interese Cultural do Pazo de Meirás” enfatiza Rego. Debe lembrarse que a mesma afecta o conxunto do Pazo, non só á edificación, trátase dun conxunto patrimonial que non pode ser alterado, ademais da protección que afecta a certos bens móbeis, como as citadas esculturas do mestre Mateo. A Avogacía pode ademais solicitar un incidente para aclarar a extensión da execución provisional da sentenza que concede a titularidade do Pazo ao Estado.
En último lugar, e de forma simultánea a todo o anterior, a formación nacionalista urxe ao Goberno a interpor unha nova demanda para reclamar a titularidade dos bens e a instar a adopción dunha medida cautelar para garantir que os herdeiros do dictador no podan levar ningún ben de titularidade pública do Pazo. “Non estamos ante unha simple discusión sobre a titularidade dun ben inmóbel, senón ante a recuperación para o dominio público dun patrimonio roubado ao pobo galego baixo coaccións e ameazas durante a ditadura militar franquista” destaca o deputado do BNG. Non pode entenderse que “que eses bens saqueados con total impunidade se consideren agora patrimonio familiar dos Franco, dando así visos de legalidade ás accións criminais de espolio amparadas polo réxime franquista”.