Memoria Celanova | Nota de prensa

Rexistran petición no Concello de Celanova para retirada monumento falanxista

Tres membros da directiva do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova rexistraron esta mañá no Concello de Celanova un escrito amparado no dereito fundamental de petición, establecido no artigo 29.1 da Constitución Española para a aplicación da lei de memoria histórica no caso do monumento falanxista do Outeiro da Obra (no termo municipal de Celanova) e a súa inmediata retirada.
Rexistran petición no Concello de Celanova para retirada monumento falanxista
Membros do Comité este mércores 16 no Concello cos documentos rexistrados
Membros do Comité este mércores 16 no Concello cos documentos rexistrados

Celanova, 16 de febreiro de 2022.- No escrito, o Comité apela ao artigo 15.1 da Ley 52/2007 de 26 de decembro, así como a unha sentenza do Tribunal Supremo contra un recurso da Fundación Franco pola retirada dunha estatua ecuestre do ditador, na que di: “el artículo 15 de la Ley de Memoria Histórica impone a todas las Administraciones Públicas adoptar las medidas oportunas para que se proceda a la retirada de aquellos monumentos conmemorativos que supongan una exaltación de la Guerra Civil, con el objeto de dar cumplimiento al espíritu de reconciliación y concordia que permitió el alumbramiento de la Constitución de 1978, y evitar la permanencia de cualquier vestigio que pueda ser causa de enfrentamiento, agravio u ofensa al modelo constitucional de convivencia.”

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova lanzou hai un ano, o 16 de febreiro, coincidindo coa data da vitoria da Fronte Popular nas eleccións de 1936, antecedente inmediato da sublevación militar e o golpe de Estado, un manifesto solicitando a retirada do símbolo do Outeiro da Obra que recibiu máis de 1.600 adhesións de asociacións e colectivos de memoria e personalidades do mundo da cultura e de política do país.

Esas sinaturas, entre as que figuran as de Xosé Luis Méndez Ferrín e Xesús Alonso Montero, entre outras, fan parte da documentación anexa á petición, xunto co Informe Nº1, un documento histórico que sinala o momento, os autores e a intención explícita destes no que se levantou o monumento fascista do Outeiro da Obra. Foi en agosto de 1939, apenas uns meses despois do final oficial da guerra, e por iniciativa da Bandera de Falange de Marruecos, autora dos últimos fusilamentos na prisión, cunha encomenda precisa por parte dos xefes falanxistas da unidade militar ao poder civil de “perpetuar el recuerdo de nuestros muertos”.

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova presentou en abril de 2021 unha moción para a retirada do símbolo falanxistas despois de ter entregado o Informe e o manifesto coa demanda aos grupos políticos, agás o PP, que ignorou a solicitude. No pleno, a moción foi derrotada co único voto a favor do BNG. Esgotada a vía política no Concello de Celanova, en maio, o o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova reuniuse co Subdelegado do Goberno en Ourense para informar da petición á Secretaría de Estado de Memoria Democrática.

Agora, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova abre a vía administrativa para conseguir que as institucións democráticas cumpran unha lei da que se dotou o Estado en 2007 e que desde hai 14 anos as sucesivas corporacións municipais están a eludir no que na práctica constitúe a asunción daquel legado falanxista de “perpetuar el recuerdo de nuestros muertos”.

MÁIS INFORMACIÓN EN memoriacelanova.fala.gal

Rexistran petición no Concello de Celanova para retirada monumento falanxista