Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova | nota de prensa

Xixón, Camposancos e Celanova únense este sábado no Instituto que foi prisión

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova organiza a primeira homenaxe aos 7 milicianos asturianos fusilados en Celanova en setembro de 1939 e soterrados no cemiterio na última acción de terror da Bandera de Falange de Marruecos.

Xixón, Camposancos e Celanova únense este sábado no Instituto que foi prisión
Fosa no cemiterio de Celanova, co cartaz da homenaxe, obra de Baldomero Moreiras (2)
Fosa no cemiterio de Celanova, co cartaz da homenaxe, obra de Baldomero Moreiras (2)

O Goberno de Asturias e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica do Campo de Concentración de Camposancos participan nos actos no que foi o patio da Prisión Central á que chegaron os asturianos desde A Guarda, condenados a morte, en xaneiro do 37.

Os poetas Carmen Blanco, Claudio Rodríguez Fer, Baldo Ramos e Xoán Carlos Domínguez Alberte protagonizarán senllos recitais en lembranza das vítimas do fascismo no cárcere de Celanova durante a guerra e os primeiros anos do franquismo.

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova honrará este sábado (12.00 horas no Instituto Celso Emilio Ferreiro, e 13.30 horas no cemiterio parroquial) a Baldomero Vigil Escalera Vallejo, Marcelino Fernández García, Alfonso Moreno Gayol, Guillermo de Diego Álvarez, Abelardo Suárez del Busto, Belarmino Álvarez García e Mariano Blanco González.

Estes sete homes foron fusilados e soterrados no cemiterio de San Breixo, en Celanova, o 22 de setembro de 1939, venres, a primeira hora do día, nun acto de vinganza e intimidación executado por un pelotón da Bandera de Falange de Marruecos uns días antes da despedida da vila desta unidade militar.

Baldomero, Marcelino, Alfonso, Guillermo, Abelardo, Belarmino e Mariano foron capturados polo exército sublevado contra a República durante a fuxida en barcos trala caída de Xixón en outubro de 1937 e trasladados ao campo de concentración de Camposancos, na Guardia (Pontevedra). Alí xulgáronos en diferentes consellos de guerra a partir do verán de 1938 e condenáronos a morte. Chegaron a Celanova en xaneiro de 1939, á que naquela altura era unha das maiores prisións franquistas no país.

Os actos deste sábado, no 82 aniversario daquelas execucións que deixaron unha pegada de terror entre a veciñanza da vila que se transmitiu na memoria oral, contarán coa participación do Goberno de Asturias, representado pola Consejería de Presidencia a través de Manuel Calvo, Director General de Administración Local; do Subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González; e do Alcalde de Celanova, Antonio Puga.

Confirmaron a súa presencia varios colectivos de memoria, como Amigos da República de Ourense, con David Simón, e a a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica do Campo de Concentración de Camposancos, co seu presidente José Manuel Domínguez Freitas á fronte. Tamén acudirán membros da CNT e do centro social A Cambalhota de Allariz. Entre os representantes políticos estarán Iago Tabarés, parlamentario do BNG por Ourense, e o secretario provincial do PSdeG-PSOE, Rafael Vilariño.

LUGAR DE MEMORIA INÉDITO

A homenaxe comezará cun acto no patio do Instituto Celso Emilio Ferreiro de Celanova, o mesmo patio que foi o da Prisión Central durante a guerra e os primeiros anos da ditadura, na primeira intervención de memoria histórica nese espazo desde que se fechou a cadea en 1943. A presidenta do Comité, Celia Inés Feijoo Soto, lembrará no seu discurso a seu avó, Camilo Soto, e a seu pai, Constantino Feijoo, concelleiro en Celanova na última corporación republicana, que estiveron presos alí nas primeiras semanas da guerra.

Os poetas Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, moi vinculados á memoria histórica do país, porán o ramo este primeiro acto. A continuación, na fosa do cemiterio desenvolverase unha ofrenda floral e leranse dous inéditos dos poetas Xoán Carlos Domínguez Alberte e Baldo Ramos, membros do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova.

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova desexa que esta homenaxe contribúa a reforzar a colaboración institucional e avanzar na documentación e posíbel exhumación das vítimas, mentres continúa o labor de busca de familiares daqueles 7 homes.

Xixón, Camposancos e Celanova únense este sábado no Instituto que foi prisión