PLATAFORMA INFANCIA GALEGA | nota de prensa
En xogo, os dereitos de 900 nenos e nenas que están sós
Nas últimas horas España viviu unha crise humanitaria sen precedentes na Cidade Autónoma de Ceuta. Estímase que entraron por Ceuta nas últimas horas 1.500 nenos e nenas: 900 son nenos/as que están sós.
Como Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia puxémonos en contacto co Director Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, para trasladarlle a importancia dunha solución colectiva e solidaria xa que se trata de buscar solucións e garantir o cumprimento de todos os dereitos de cada neno, nena e adolescente. Neste senso, comprácenos a manifestación de intención da Dirección Xeral de colaborar na acollida de menores estranxeiros non acompañados chegados nas últimas horas á Cidade Autónoma.
Desde a Plataforma de Infancia estatal á que pertencemos, está a coordinarse co Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 toda a colaboración posible por parte de todas as organizacións de intervención directa ante un escenario como o actual.
A este respecto, o Consello Territorial acordou liberar as 187 prazas de nenos e nenas tutelados pola Cidade Autónoma nunha repartición proporcional entre as CCAA.
Desde a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia solicitamos que se cumpra a manifestación realizada desde a Dirección Xeral, asumindo solidariamente esta responsabilidade que como sociedade temos cos dereitos da infancia, facendo todo o posible para colaborar e cooperar con esta situación excepcional polo benestar dos nenos e nenas con maiores dificultades.