Paz e nonviolencia
Acampa súmase a iniciativa da 2ª Marcha Mundial pola Paz e a Nonviolencia que mañá debuxará unha cadea humana de miles de escolares no paseo marítimo coruñés
Enlazados das mans, entre o Millenium e a Torre de Hércules, os nenos e nenas de Calasancias, Escravas, Salesianos, Compañía de María, Santo Domingo, mais os CEIP Salgado Torres e Zalaeta, así como o CEE Aspronaga,reivindicarán o fin dos conflictos, a integración, a non discriminación e a sustentabilidade, pasándo uns aos outros unha simbólica bóla do mundo.
A Coruña, 25 de abril de 2019.- O movemento Acampa pola paz e o dereito a Refuxio súmase á iniciativa da Segunda Marcha Mundial pola Paz e a Nonviolencia que mañá venres, ás 12 horas, debuxará unha xigantesca cadea humana no Paseo Marítimo coruñés, entre o Millenium e a Torre de Hércules. Impulsada por Mundo sen Guerras e sen Violencia da Coruña, unha das asociacións que forman parte da rede Acampa, a convocatoria reunirá a máis de 3.500 nenos e nenas de oito colexios para reivindicar a fin dos conflitos e do uso das armas nucleares, a integración, a non discriminación, a sustentabilidade do planeta e a re-fundación das Nacións Unidas.
Os colexios participantes nesta cita na Coruña, que pretende dar visibilidade á Segunda Marcha Mundial pola Paz e a Non Violencia que percorre 160 países durante este 2019, son Calasancias, Escravas, Salesianos, Compañía de María, Santo Domingo, os CEIP Salgado Torres e Zalaeta, e mais o CEE Aspronaga. O seu alumnado enlazará as mans e pasarán entre eles unha simbólica bóla do mundo.
Colaboran nesta iniciativa a Concellería de Educación do Concello coruñés, a Deputación provincial, a Rede Escolas polos Dereitos Humanos de Amnistía Internacional Coruña, a plataforma de voluntariado Simbiose, a asociación de rescate en emerxencias AIRE, a Universidade Sénior da Coruña e Pressenza. Acampa pola paz e o dereito a Refuxio invita a toda a cidadanía que o desexe a achegarse mañá a mediodía ao entorno do Paseo e sumarse a esta actividade de concienciación protagonizada polos escolares da Coruña.