Ecoloxistas en Acción | nota de prensa
Compostela tamén dí NON á guerra
Compostela maniféstase este xoves 3 de marzo contra a guerra en Ucraína, sumándose así ás mobilizacións iniciadas en Vigo e na Coruña a finais da semana pasada. A concentración celebrarase na praza do Toural ás 20h.
Co lema pola paz e contra a guerra, denuncian a incalculable devastación humana, material, social e ecolóxica que provocan as guerras. Sinalan que esta guerra só perxudicará ás clases traballadoras e manifestan a súa solidariedade co pobo ucraíno.
Nesta xeira de mobilizacións reclámase o alto á invasión rusa de Ucraína, o cesamento do fogo e a retirada das tropas rusas. Ademais rexeitaxe a escalada militarista da que tamén é responsable a OTAN, pola súa política expansionista que viola os acordos de non agresión, ao achegarse cada vez máis á fronteira rusa, e polo seu intervencionismo ao apoiar a grupos de extrema dereita que desestabilizan a rexión. Unha pugna xeoestratégica belicista que suma maior tensión ás ameazas socioambientais que atravesa a humanidade.
As organizacións convocantes denuncian tamén a responsabilidade da UE no conflito de Ucraína, pola sua política comercial que busca blindar o acceso das corporacións europeas aos recursos minerais, enerxéticos e agropecuarios deste país e polo seu seguidismo da política belicista de EEUU.
Esixen o cesamento de calquera implicación militar do Estado español, en axuda militar directa ou indirecta a Ucraína. E demandan ao goberno español a retirada das forzas armadas desprazadas á zona e a renuncia a participar nunha escalada militar. Pola contra, solicitan que o Estado español contribúa aos esforzos diplomáticos en favor dunha solución negociada, baseada na liberdade e o dereito a decidir dos pobos, o pacifismo activo como guía da política exterior, a desescalada e o desarmamento global.
Avogan por unha inmediata acción diplomática (da ONU) para o cesamento do fogo entre as partes e o reinicio das conversas diplomáticas. Ademais reclaman ao Goberno do Estado español unha política humanitaria de paz, contraria á política militarista da ministra de Defensa que involucrou ao noso país neste conflito. Neste contexto, tamén rexeitan o cumio da OTAN en Madrid previsto para os días 29 e 30 de xuño.
En Compostela volverán a berrar: Non á intervención militar rusa en Ucraína, non á OTAN, non á intervención do Estado español no conflito. Pola paz, non á guerra!