Mundo sen Guerras e sen Violencia | nota de prensa

Nonviolencia Activa Fest: Arte para combater todas as violencias en A Coruña

Na tarde do domingo 1 de outubro, a praza de María Pita acollerá o Nonviolencia Activa Fest. O evento, organizado por Mundo Sen Guerras E Sen Violencia, pretende reivindicar o rexeitamento a todo tipo de violencia mediante a arte.
Nonviolencia Activa Fest: Arte para combater todas as violencias en A Coruña
Cartaz
Cartaz

 

Artistas de distintas disciplinas, como música, poesía, pintura, fotografía e moitas máis; combinarán as súas obras para dar voz a esta reivindicación fundamental e universal dos cidadáns e cidadás de todo o mundo: A violencia non é o camiño. "Neste mundo, onde a violencia campa á súa anchura e vai xerando sufrimento, é necesario abrir novas propostas transformadoras. Queremos expresar a nonviolencia activa mediante a arte e a cultura, para mostrar como esta se expresa continuamente na nosa vida. A violencia ten que pasar á historia e que o diálogo e a cooperación sexan o que prime nas nosas vidas", sinalou Marisa Fernández, presidenta da asociación Mundo Sen Guerras E Sen Violencia A Coruña.

Silvia Penide, Sophie Simonds, Eris MacKenzie ou Marian Ledesma serán algúns dos nomes encargados de poñer a música neste festival pola nonviolencia. Nel tamén haberá pintura da man de artistas como Polo, Lola Saavedra, Marianne Bernot e moitos máis. Non faltará a poesía, con Secxtextos e Asociación de veciños Agra do Orzán. Gosto por vivir a poesía; como principais representantes. Poderemos desfrutar, por outra banda, das exposicións fotográficas de Xosé Abad e Vanesa Casteleiro. Son moitos os nomes e moitas as sorpresas que preparou Mundo Sen Guerras E Sen Violencia para este día tan especial. En palabras de Tamara Rademacher, membro da asociación: "Cando falamos de nonviolencia, moitas veces tocanos falar de cousas tristes como poden ser as guerras ou o racismo. Nesta ocasión queremos elixir a vía da celebración. A pesar de todo hai moito que celebrar porque somos moitos e moitas os que eliximos rexeitar a violencia."

En 2007 a ONU declarou o 2 de outubro como o Día Internacional da Nonviolencia; para conmemorar o nacemento de Mahatma Gandhi. O home que protagonizou o movemento de independencia de India e, hoxe en día, un símbolo do que a loita nonviolenta pode conseguir.

A Nonviolencia é unha metodoloxía de acción. A denuncia, a desobediencia, o baleiro, a folga, a protesta, a mobilización rúa, o boicote persoal e social, e fundamentalmente as accións coordinadas e simultáneas en distintos puntos son as principais ferramentas da nonviolencia actual.

 

Nonviolencia Activa Fest: Arte para combater todas as violencias en A Coruña