Encontro Galego Contra a Otan | nota de prensa
Contra o uso por parte de buques da OTAN do arsenal de Ferrol
O pasado cumio que se celebrou en Madrid os días 28 e 29 de Xuño da OTAN veu a rectificar o compromiso dos estados membros co aumento do gasto militar e a venda de armas, o servilismo e a subordinación dos intereses da maioría traballadora aos intereses imperialistas dos EE. UU, o avance do perigo de destrución nuclear mundial e o retroceso das ferramentas civís en cuestións como a migración, que a partir de agora será a mesma tratada como “ameaza híbrida”.
Neste sentido, o uso das instalacións militares por parte da Alianza Atlántica en Ferrol segue sendo a tónica xeral á que nos somete o Goberno Español, por moi progresista que se defina. A Armada na devandita cidade está a poñer a punto un peirao para que calqueira buque da OTAN poida utilizar as bases navais do Estado español como centrais de operacións para misións de guerra e agresións alleas aos intereses do noso pobo, e convertindo as localidades onde están ubicadas en obxetivos militares, feito que supón a total perda de autonomía para o país.
Por todo iso, desde o Encontro Galego contra a OTAN, en primeiro lugar, queremos denunciar a obediencia do Réxime do 78 co imperialismo ianqui - europeo e as consecuencias que a mesma provoca sobre a clase obreira e as capas populares galegas, e en segundo lugar, rexeitar as reformas, rendendo pleitesía á Alianza Atlántica, que pretende emprender a Mariña en Ferrol, apuntando a esta zona como un enclave bélico.
Xa por último, e non menos importante, seguimos apelando á maior unidade posible das organizacións, asociacións e persoas a título individual antiimperialistas a coordinarse na Galiza a través do noso Encontro, para seguir estendendo a defensa da paz e a soberanía dos pobos.