Mañá se elevan ao Pleno Municipal
O alcalde defende a "vontade de diálogo amosado polo Goberno local" co proxecto de Orzamentos para 2017
Ferreiro destacou nunha entrevista radiofónica como un dos principais fitos deste 2016 “a aprobación da Renda Social Municipal, unha prestación que mellora a vida de moitos veciños e veciñas e explicita que este grupo de Goberno chega a acordos cando hai vontade das partes”
Fonte: Concello da Coruña | 27/12/2016
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou esta mañá nunha entrevista na emisora Cope Coruña onde manifestou que espera que o orzamento municipal do Concello para 2017 "se aprobe a través do diálogo". Así se manifestou unha xornada antes de que o Pleno municipal -mañá ás 10.00 horas- debata o proxecto presupostario do Goberno local, que está baseado en seis grandes eixos como son "o dereito á vivenda, o coidado do espazo público, a mobilidade sostible, unha economía para as persoas, a aposta pola área metropolitana e o dereito a unha vida digna". O rexedor insistiu en que a vontade do Executivo local é que as contas saian aprobadas mediante o consenso. "A prórroga do orzamento é inevitable xa que aínda que as contas municipais se aproben mañá en Pleno non daría tempo a que estivesen en vigor de forma definitiva o 1 de xaneiro, polo que sería necesario prorrogar as contas actuais, non obstante, e entendendo este procedemento como unha cuestión meramente interina até que se aproben as contas definitivas de 2017", explicou. "Pero insisto en que a nosa vontade é chegar a aprobar os orzamentos sobre unha base de diálogo e non pensamos noutras opcións, xa que cremos que ese é o interese da cidade", explicou, á vez que apelou aos restos das formacións da Corporación Municipal a presentar "vontade real de diálogo". "O BNG presentou as súas propostas e esperamos poder chegar a un acordo. A nosa man segue tendida para todas as formacións, e a vontade de diálogo é manifesta, pero necesitamos que haxa alguén no outro lado", explicou. "Sentarse a falar tamén é responsabilidade do resto de grupos", engadiu.
Por outro lado, e preguntado sobre o ano que remata e a súa valoración, Ferreiro destacou, como un dos grandes fitos deste 2016 "a aprobación e entrada en vigor da Renda Social Municipal", unha prestación municipal que busca "devolver a autonomía" aos veciños e veciñas da cidade en situación de vulnerabilidade. "Este ano conseguimos aprobar un proxecto que xustifica un mandato, e que vai darlle aire e mellorar a vida de moita xente", manifestou o primeiro edil, que engadiu que "ademais, é o exemplo de que este Goberno local é capaz de chegar a acordos, sempre, por suposto, que exista vontade".
Por outro lado, e en relación á reforma prevista nas cubertas do estadio municipal de Riazor, o mandatario local recordou que o Concello "está a elaborar un anteproxecto xa avanzado". "Cando estea previsto sacaremos de forma conxunta o proxecto e máis a obra, para que non pase o da última vez, cando a empresa adxudicataria alegou que era inexecutable", dixo. "O estadio municipal de Riazor está cedido de forma gratuíta ao Deportivo da Coruña. Dentro do convenio establecido, o Concello asume neste caso as obras das cubertas. A nós nos gustaría que as cubertas xa estivesen executadas, pero houbo un conflito co anterior proceso e empresa adxudicataria que tivemos que afrontar e solucionar. Tiñamos dúas opcións: ou meternos nun proceso xudicial co que podiamos botar dez anos parados, ou resolver o contrato, sen custo para as arcas municipais, e volver a empezar cun proxecto diferente e máis ambicioso que pasa pola substitución das cubertas tanto de Tribuna como de Preferencia, e que cremos que vai ser mellor e durará moitos máis anos", relatou. "Desexaría que os tempos administrativos fosen menores, pero esta actuación vai para adiante", resolveu.