Mobilidade
O alcalde di que negociará para rebaixar o prezo do billete, e o BNG advirte que hai ocasión de remunicipalizar o servizo de buses
Un regulamento europeo permite desde novembro iniciar os trámites para a devolución ao público da xestión do servizo.
Desacordo entre as forzas de esquerda en María Pita sobre como abordar o futuro do servizo de transporte colectivo de viaxeiros. O alcalde, Xulio Ferreiro, dixo o venres que aposta por “unha concesión de transporte público adaptada á realidade e máis económica para a cidadanía”, ben pola vía da continuidade da actual compañía concesionaria, previa autorización europea, ou mediante unha nova licitación, segundo explica a nota de prensa do Concello.
Porén, o BNG, que conta cunha concelleira na corporación, Avia Veira, respondeu o sábado que sigue aberta a posibilidade de que o servizo “pasase a ser de xestión pública municipal”e volveu a sinalar que o Regulamento CE 1370/2007 dá lugar a extinción da concesión administrativa do mesmo. É dicir, desde principios de ano, Europa avala cunha normativa a remunicipalización.
Os nacionalistas alertan de que o Goberno municipal se teña “pregado aos interesen da Compañía de Tranvía” e se conformen con renovar a concesión a cambio de negociar unha rebaixa no prezo do billete, que non cambiou nos últimos dous anos.
Xulio Ferreiro sinalou o venres que o regulamento abre dúas opcións: volver a licitar o transporte público ou pedir a Bruxelas unha autorización para que continúe a compañía que está actualmente até 2024. "Trátase dunha autorización que é excepcional e que ten que ser expresa, e o Goberno local o que pode facer é pedila. Pensarémonos si facelo se conseguimos adaptar as prestacións do servizo ao novo regulamento, o que ten que implicar necesariamente unha rebaixa nas tarifas do transporte público ou un aumento dos beneficios sociais dese transporte público”, dixo o alcalde.
Desde o BNG, lamentan que os beneficios da Compañía de Tranvías (21,1 millóns de euros entre 2010 e 2015, último dato dispoñible) non serviran para mellorar o servizo que, din as nacionalistas, “o bus é caro e ineficiente”.