Marea Atlántica | nota de prensa
Aprobadas todas as mocións da Marea Atlántica no Pleno
Despois da sentenza que avala a baixada do bus en 2019, unha valente decisión do goberno de Xulio Ferreiro, pedímoslle a Inés Rey que cumpra os seus compromisos co transporte público: novos descontos e un novo mapa de rutas
O goberno recoñece que non ten fondos para instalar o mercado provisional en Monte Alto, pese a anuncialo esta semana. Una das moitas consecuencias de prorrogar unilateralmente o Orzamento 2020
Ao fío do 8M, esiximos que o goberno municipal respecte a Ordenanza da Igualdade e os acordos en canto a políticas de igualdade. Os retrocesos neste mandato son graves
A Coruña, 4 de marzo de 2021.- Todas as mocións da Marea Atlántica no pleno ordinario do mes de marzo foron aprobadas, dúas delas por unanimidade e todas sen votos en contra. Deste xeito, a nosa reclamación de que o goberno municipal cumpra os acordos pendentes na mellora do transporte público recibiu o apoio de toda a Corporación agás o PP, que se abstivo. O chamamento a apoiar o 8 de marzo e respectar os acordos en políticas de igualdade e a proposta de melloras en Monte Alto recibiron luz verde de todos os grupos.
A concelleira Claudia Delso lembrou que “a mellor noticia que recibiu o transporte público da Coruña nos vinte meses de mandato de Inés Rey foi unha herdanza da Marea Atlántica, a sentenza que avala a baixada do bus en 2019, unha medida que ninguén aplicara en case 40 anos e que significou bater marcas. Co desconto no billete e a gratuidade para menores de 13 anos, superáronse os 23 millóns de viaxes en 2019, un millón máis có ano anterior”.
Por iso, Delso lamentou que ao goberno do PSOE lle trema a man á hora de enfrontarse a empresas como Tranvías, e esixiulle que poñan en marcha todos os compromisos do pacto para o inicio de mandato que seguen pendentes en mobilidade: comezando polos descontos no billete de bus para maiores de 65 e menores de 25, e polo deseño dun novo mapa de rutas. Na quenda de preguntas orais, tamén lembrou as declaracións de Inés Rey contra a baixada do bus e dando por perdido o preito contra Tranvías, nunha actitude irresponsable.
De compromisos incumpridos tamén tivo que falar Silvia Cameán na defensa da nosa moción sobre o 8 de marzo, Día da Muller, para reclamarlle ao goberno municipal que respecte a Ordenanza de Igualdade, que recupere a Escola de Empoderamento Feminista, que reactive o Consello Local de Igualdade para dialogar cos colectivos feministas, e que rectifique a súa decisión de eliminar os programas formativos nos centros de ensino, “algo ao que nin se atreveu o PP”. A proposta saíu aprobada por unanimidade, aínda que a intervención da concelleira Yoya Neira foi moi preocupante, desprezando os compromisos e reproducindo argumentos falsos da ultradereita sobre o papel das manifestacións do 8M na pandemia. Convidámola a rectificar.
Sen fondos para o mercado provisional de Monte Alto
Finalmente, a moción que reclama as obras pendentes no mercado e a Escola Infantil de Monte Alto, obras de accesibilidade no barrio, máis coidado das zonas verdes e a comprometida ampliación das hortas urbanas foi aprobada por unanimidade. Pero tivo, tamén, unha preocupante resposta da concelleira de Mercados, Diana Sobral, que asegurou que non existen fondos para instalar o mercado provisional que permitirá ás praceiras seguir traballando durante as obras, a pesar de telo anunciado onte mesmo.
Tal e como lle lembrou Claudia Delso, o goberno do PSOE recibiu un proxecto de 3,7 millóns de euros para o mercado, con orzamento. Despois de case dous anos de mandato, o goberno debe gobernar e reservar cartos para o mercado provisional. Se agora non hai fondos, é responsabilidade directa de Inés Rey, por prorrogar os Orzamentos 2020 de xeito unilateral e irresponsable.
Os barrios, por certo, volveron ter protagonismo en varias das iniciativas da oposición neste Pleno, confirmando o que cada día é máis evidente: que a Inés Rey cústalle moito ir máis alá dos Cantóns.
Reivindicación da vivenda pública en Pontejos
Entre os asuntos de goberno que foron hoxe ao Pleno estaba a aprobación definitiva do estudo de detalle para a construción dun edificio de vivenda pública na rúa Marqués de Pontejos, un proxecto que o goberno da Marea Atlántica puxo en marcha en 2017 e que agora o PSOE conclúe, aínda que tentando apropiarse del dun xeito partidista.
O trámite foi aprobado por unanimidade, dando un moi necesario paso adiante na promoción de vivenda municipal na Coruña. O noso vicevoceiro, Iago Martínez, lembrou na súa intervención que “o goberno de Xulio Ferreiro mellorou o uso previsto no PEPRI para esta parcela e, en dous anos, adquiriu o terreo, encargou o proxecto básico e o proxecto de execución, conseguiu luz verde da Comisión de Seguimento do PEPRI e deixouno no traspaso de poderes empaquetado e cun laciño. Agora, a contribución do PSOE é aprobar un estudo de detalle, cousa que lle levou dous anos. Non teñen vostedes moitos motivos para falar de desbloqueos”.
Martínez lembrou que rematar proxectos herdados do goberno anterior é parte da normalidade democrática, pero preguntouse que proxecto de vivenda pública deixará o goberno de Inés Rey: “Cal vai ser o seu Marqués de Pontejos? E non me diga que en Xuxán, porque iso tamén é unha herdanza, compartida pola Marea e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que puxeron orde no desastre do edificio Conde de Fenosa. Cales van ser as súas políticas innovadoras en vivenda social, a parte de bloquear de xeito ilegal o aumento de fondos para senfogarismo e o programa Housing First”.
O concelleiro rematou lembrando que “o dereito á vivenda ten que ser unha prioridade para calquera goberno decente, sen limitarse a ineficaces incentivos fiscais”. Cómpre regular os alugueiros, construír máis vivenda pública e todas as administracións teñen que implicarse. Por iso, pediulle ao PSOE que abandone a súa estratexia de “facerlle sacrificios á hidra inmobiliaria en Percebeiras, nos peiraos ou en Visma, agardando que, por arte de maxia, a hidra inmobiliaria nos agasalle con vivendas para pobres”. Se viran o rumbo e apostan por un Plan de Vivenda serio, terán o apoio da Marea Atlántica.
Preguntas orais
Na quenda de preguntas orais, María García pediulle ao goberno municipal explicacións polos malos resultados do “cumio histórico” sobre o futuro do porto, celebrado o 23 de febreiro. “Non houbo avances, máis ben pasos atrás. ADIF saiu poñendo en dúbida o financiamento do tren a Punta Langosteira, e Puertos del Estado, pedindo que se vendan peiraos para pagar a débeda”.
Neste sentido, García pediulle ao goberno municipal maior valentía e firmeza, porque “Valencia non conseguiu a condonación da débeda sendo sumisa e baixando a cabeza”. Valentía era o que propuña o noso borrador de Declaración Institucional para hoxe, aceptado por todos os grupos agás o PSOE, sen que o concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, acertase a explicar os motivos do rexeitamento. Sobre este tema, a alcaldesa segue a gardar silencio.
Finalmente, Silvia Cameán preguntoulle á Concelleira de Servizos Sociais, Yoya Neira, polas declaracións nas que aseguraba que “España non é Finlandia” e asumía como un problema irresoluble a falta de recursos na súa área, culpabilizando ás persoas sen fogar na súa situación. “Nun ano de pandemia no que deixaron 10 millóns de euros sen executar en Servizos Sociais, o peor resultado en décadas, as súas palabras son intolerables”. A única resposta da representante do goberno foi negarse a recoñecer o problema.