BNG | nota de prensa
O pleno aproba por unanimidade a moción do BNG de apoio ás mobilizacións feministas do 8M
Respaldo unánime tamén á moción contra a deslocalización de Naturgy A Coruña e luz verde para a iniciativa sobre a AP9, cos votos favorábeis de PSOE, Marea Atlántica e PP e a abstención da concelleira non adscrita
A Coruña, a 4 de marzo de 2021. O Pleno do Concello da Coruña aprobou por unanimidade a moción defendida pola concelleira do BNG Avia Veira en apoio ás mobilizacións convocadas polo feminismo galego para o 8M.
A iniciativa, que se someteu a debate conxuntamente con mocións similares da Marea Atlántica e da concelleira non adscrita Isabel Faraldo, contou co respaldo do grupo municipal do PSOE, aínda que días atrás a alcaldesa desaconsellase a participación nas manifestacións. O BNG incorporou ao seu texto unha emenda formulada polo grupo municipal do PP.
“É o momento de as mulleres facermos ouvir a nosa voz. Durante a pandemia, as mulleres fomos e somos fundamentais para soster a vida e os coidados”, dixo na súa intervención Avia Veira. “E como o fixemos? Fixémolo sobre a base da nosa precariedade”.
Precariedade porque “as mulleres somos maioría en sectores precarizados e especialmente vulnerábeis á pandemia, desde as coidadoras até o profesorado, desde as caixeiras até as enfermeiras”, engadiu a concelleira nacionalista, quen lamentou que durante estes meses nin o goberno do Estado nin o da Xunta impulsaron ningunha política “para paliar esa precariedade, para mellorar as condicións de vida das mulleres”.
Salientou Veira que o feminismo galego trazou un 8M caracterizado polas estritas e escrupulosas garantías de seguranza. “A manifestación terá na Coruña un percorrido con tres columnas, para gardar as distancias e acabará en María Pita, sempre procurando evitar as aglomeracións”, explicitou.
Non puido menos a edil nacionalista que xulgar como “rexeitábel” a suspensión da manifestación de Madrid decretada pola Delegación do Goberno da Coruña e, en directa alusión a Podemos, viu tamén como dificilmente entendíbel que a ministra de Igualdade anunciase que non ía participar en ningún dos actos do 8M.
Por último, Veira demandou que quer o goberno do Estado quer o galego saian da inacción e tomen cartas no asunto para “efectivamente combater a precariedade, a desigualdade e a explotación que sofremos as mulleres”.
CONTRA A DESLOCALIZACIÓN
A segunda das mocións levadas polo BNG a este Pleno, contra a deslocalización do Centro de Operacións da Rede Norte de Naturgy A Coruña, tamén contou co respaldo unánime da Corporación. Neste caso, o Bloque incorporou unha emenda de adición formulada desde as bancadas da Marea Atlántica.
“Dicía Castelao que estamos fartos de ser unha colonia. Non é presentábel que unha empresa que obtén cuantiosos beneficios explotando os nosos recursos naturais manteña só na Galiza a compoñente de explotación do territorio”, dixo o portavoz nacionalista e autor desta iniciativa, Francisco Jorquera, quen, no pórtico da súa intervención, saudou a presenza de traballadoras e traballadores da empresa na tribuna do público.
Remarcou Jorquera que “é moito o que se pode facer desde as administracións para forzar Naturgy a reconsiderar a súa decisión”. “Simplemente apunto un dato: estamos a falar dunha empresa beneficiaria de contratacións públicas”, engadiu o voceiro.
Para o portavoz nacionalista, un criterio preferente en calquera contrato relativo a subministracións eléctricas da administración galega “debe ser a prestación na Galiza dos servizos técnicos e de soporte asociados”.
Do mesmo xeito, demandou que á hora de licitar contratos co Concello “se valore como requisito preferente entre as empresas candidatas a xeración de emprego e riqueza na Coruña”.
SOBRE A AP9
Tamén obtivo a conformidade do Pleno a derradeira das mocións do BNG, a defendida por Francisco Jorquera en relación á necesidade de establecer xa bonificacións nas portaxes da AP9. Foi votada afirmativamente polos grupos municipais do PSOE, Marea Atlántica e PP. A concelleira non adscrita optou por se abster.