BNG | Nota de prensa
O Bloque lamenta que finalmente se decidira realizar un despexo do CSO A Insumisa
As nacionalistas entenden nefasta toda a xestión realizada polo Goberno da Marea Atlántica a respecto do edificio da Comandancia e xa avanzan que exixirán que se dean explicacións do procedemento seguido no próximo Pleno
O BNG vén lamentar que finalmente se decidira realizar un despexo pola vía da execución da notificación de desaloxo antes de esgotar todas as vías de diálogo entre o Goberno municipal e a entidade asociativa a Insubmisa, a respecto da ocupación do edifico da Comandancia.
Neste sentido, as nacionalistas consideran que o despexo dun centro social autoxestionado é sempre unha mala noticia e A Coruña perde máis do que gaña e, do mesmo xeito, tamén lembran, que o obxecto para o que as persoas tentaron recuperar os espazos que o edificio da Comandancia ofrecía non foi outro que o de realizar actividades e organizar un labor social, o que é síntoma inequívoco de que isto mesmo non se está facendo pola Administración, e amosa a falta deste tipo de lugares abertos a políticas culturais e paticipativas no Concello da Coruña e a falta de políticas alternativas que ofrece o Goberno da Marea Atlántica.
Asemade, os nacionalistas tamén recordan que a ocupación supuxo que estas instalacións, abandonadas durante o mandato do Partido Popular, e na primeira etapa do presente mandato da Marea Atlántica, e que se atopaban en situación de ruína, foran, en primeiro lugar recuperadas, e en segundo, froito desta ocupación, se axilizaran todos os procedementos administrativos pendentes para adecualas e recuperalas para o uso público e para goce do conxunto da veciñanza da Coruña, provocando incluso o inicio dun “proceso participativo” sobre “As Naves do Metrosidero”, polo que se preguntan que tería pasado con estas naves, e se seguirían en estado de abandono, se non tivera acontecido ningunha ocupación.
Neste sentido, o BNG entende nefasta toda a xestión realizada polo Goberno da Marea Atlántica a respecto desta ocupación e xa avanzan que exixirán que se dean explicacións do procedemento seguido no próximo Pleno ordinario que se celebrará o luns 4 de xuño.
“É unha magoa que non se esgotaran todas as vías de diálogo e negociación e que o Goberno da Marea optara por un desaloxo forzado. Aínda que se estea a comunicar que as instalacións estaban baleiras cando a Policía Local accedeu esta mañá ao edificio, e se efectivizou ou despexo, o que está claro e que houbo unha mobilización social e unha oposición que deu lugar a unha concentración de solidariedade diante do edificio, polo que queremos que no próximo Pleno se explique todo os pasos seguidos polo Executivo da Marea Atlántica”, sinalan as nacionalistas.
Por último, o BNG considera desproporcionado o despregue policial e non entende que se tiveran realizado as cargas durante a concentración de solidariedade convocada diante das dependencias da Comandancia e amosa a súa repulsa polo emprego de gases lacrimóxenos e barras extensíbeis e que provocaron varias persoas feridas.