Despexo do CSO A Insumisa

O goberno local lamenta os incidentes rexistrados tras a recuperación da antiga Comandancia de Obras

A concelleira de Seguridade Cidadá, Rocío Fraga, manifestou o profundo pesar do executivo municipal pola existencia de persoas feridas e indicou que “o dispositivo policial que se estableceu estaba dirixido unicamente a custodiar un ben de dominio público, en ningún caso a desaloxar nin a cargar contra ningunha persoa”

O goberno local lamenta os incidentes rexistrados tras a recuperación da antiga Comandancia de Obras
Despexo
Claudia Delso, Rocío Fraga e Xiao Varela

Concello da Coruña | 24/05/2018

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, coas competencias en Seguridade Cidadá, lamentou esta mañá os incidentes producidos tras a recuperación posesoria por parte do Concello da antiga Comandancia de Obras, onde se prevé levar a cabo equipamento innovador especialmente destinado á mocidade. A responsable municipal, que compareceu ante os medios acompañada do titular de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, e da concelleira de Participación, Claudia Delso, manifestou o profundo pesar de todo o executivo municipal pola situación que se produciu no día de onte e que derivou na existencia de varias persoas feridas. "Levabamos meses traballando para evitar, precisamente, a situación que vivimos este mércores", dixo a concelleira, que fixo un chamamento á tranquilidade e a calma "co obxectivo de que a tensión non se incremente".

Fraga comentou que, na xornada do mércores, contra as 07.15 da mañá, a Policía Local acudiu ao inmoble da Comandancia de Obras co obxectivo de comprobar o seu estado e levantar acta do mesmo, unha vez vencido o prazo notificado aos e ás ocupantes do mesmo para o seu abandono voluntario. Unha vez alí, e tras constatar que se atopaba baleiro, decidiuse recuperar a posesión do mesmo, por tratarse dun ben de dominio público, e custodialo, por tanto, até a sinatura co Ministerio de Fomento da acta de replanteo e o inicio das obras de rehabilitación do que vai ser un equipamento público destinado á mocidade.

A concelleira comentou que, dende o momento no que se produciu a recuperación posesoria do espazo, "o dispositivo que se estableceu foi dirixido, unicamente, á custodia dun ben de dominio público, sendo esta a responsabilidade do Concello". "O dispositivo, como se puido comprobar, tiña un perfil baixo. Estas foron as instrucións que recibiron os axentes despregados, que como se puido apreciar, nin sequera levaban cascos, proteccións ou calquera outro tipo de equipamento para un enfrontamento ou carga", dixo, á vez que manifestou a intención do executivo municipal de "analizar con calma, e en frío, toda a situación vivida", así como o desenvolvemento do dispositivo.

A este respecto, Fraga comentou que, como ocorre de forma habitual, os servizos municipais pediron a colaboración da Policía Nacional. "A Policía Local tiña a encomenda de custodiar un espazo municipal, como é neste momento a Comandancia de Obras, mentres que o corpo nacional ten a competencia da orde pública e a seguridade no espazo público", recordou, á vez que quixo facer un chamamento á calma e a tranquilidade "para evitar que a tensión se incremente". "Nós asumimos as nosas responsabilidades e nos comprometemos, como intentamos facer dende o principio, a seguir traballando por que a Policía Local faga o mellor posible as funcións para as que está conformada", apuntou.

Con todo, a concelleira apelou á necesidade de diálogo para lograr incluír a todos os colectivos relacionados co futuro do Metrosidero."Aínda que o de onte foi un día especialmente duro, e tendo en conta que lamentamos profundamente a existencia de persoas feridas, quero reiterar que durante a xornada ocorreu moito máis do que se pode ver nun vídeo de 40 segundos. Onte vimos unha parte máis dura, que ninguén desexaba, pero tamén, á marxe do acontecido no Metrosidero, durante todo o día, do mesmo xeito que os últimos meses, intentamos abrir pontes de diálogo para solucionar esta situación, e imos seguir nese camiño", insistiu.

O goberno local lamenta os incidentes rexistrados tras a recuperación da antiga Comandancia de Obras