Concello da Coruña

O BNG acorda co PP e PSOE a organización do Concello

O grupo municipal nacionalista celebra que a oposición vaia participar na Xunta de Goberno Local e en órganos como os consellos de Administración de Emalcsa, EMVSA e a EDAR de Bens, mais expresa reservas sobre como fican estruturadas as comisións
O BNG acorda co PP e PSOE a organización do Concello
grupo municipal do BNG no Pleno de Organización  int
grupo municipal do BNG no Pleno de Organización int

A Coruña, o 29 de xuño de 2023. O BNG acordou co PP e PSOE os termos que rexerán a organización do Concello –organigrama de comisións, retribucións aos membros da Corporación, recursos de que disporán os grupos municipais...- durante este novo mandato.

Por tanto, o Pleno de Organización extraordinario realizado este 29 de xuño aprobou os termos dese acordo por unanimidade.

“É unha boa noticia que dese acordo participasen os tres grupos municipais”, dixo na súa intervención o portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera. “Alén das diferenzas políticas, asuntos que afectan o funcionamento da nova corporación é bon que conten co consenso de todos, aínda que todo acordo comparte algunha renuncia a respecto das formulacións iniciais”, esclareceu.

O voceiro nacionalista celebrou que a organización do Concello contemple “compromisos contidos no Acordo de Investidura” asinado por BNG e PSOE, entre eles a presenza da oposición na Xunta de Goberno Local e en órganos como os consellos de administracións de Emalcsa, EMVSA e a Edar de Bens.

Porén, expresou reservas sobre como fican estruturadas as comisións. “Non discutimos a necesidade de reducir o seu número”, dixo, mais si obxectou que se reunisen nunha sorte de macrocomisións materias que son moi distintas entre si, por exemplo a que vai englobar, entre outras, Economía e Facenda, Medio Ambiente e Infraestruturas.

“Non compartimos a decisión da alcaldesa de dotar o seu goberno desa estrutura. Dubidamos da eficacia dese modelo. Mais como o PSOE decidiu unilateralmente gobernar en solitario, terá que asumir tamén as consecuencias que se deriven desa decisión”, remarcou.

Canto ás comisións, Jorquera tamén deixou sentado o criterio de que “a importancia do labor da oposición debe verse reflectida coa presidencia” dalgúns deses órganos do Concello.

De resto, viu positiva a creación das comisións especiais relativas ao futuro dos terreos do porto interior, área metropolitana e axenda urbana, e tamén a constitución da comisión para o estudo da internacionalización das bibliotecas coa que se dá cumprimento ao Acordo de Investidura.

Para concluír, Jorquera chamou a que se cumpra tamén o Acordo de Investidura no que ten a ver coa creación do Consello Económico e Social, o desenvolvemento do Consello Municipal de Cultura e a convocatoria regular dos consellos de Deportes, Inclusión Social e de Saúde.

O BNG acorda co PP e PSOE a organización do Concello