Rehabilitación de edificios
O BNG inquirirá ao goberno local sobre os informes de avaliación de edificios presentados no concello desde a aprobación do decreto que crea o rexistro galego de IAE
Na exposición de motivos desta iniciativa, Avia Veira aclarou que, segundo o decreto da Xunta, "os propietarios de inmobles de uso residencial de vivenda colectiva están obrigados a elaborar e presentar o IAE cando o edificio teña 50 ou máis anos, ou a antigüidade que o Concello determine".
Partindo desta premisa, a concelleira nacionalista pregunta ao Goberno Local se se comunicou coas comunidades de propietarios de edificios con máis de 50 anos para que presenten os IAE correspondentes. Veira tamén solicita información sobre a cantidade de inmobles afectados.
A concelleira Veira tamén pregunta cantos dos edificios nos que se realizou o IAE están catalogados e se as conclusións destes informes serviron ao Goberno Local para "orientar as políticas de rehabilitación nos próximos anos".
"Un bo estudo dos datos contidos nestes informes axudarían a coñecer o estado do parque inmobiliario da Coruña en aspectos como a accesibilidade universal, a eficiencia enerxética e o nivel de conservación dos edificios", sinalou Veira.
No caso de que as comunidades de propietarios non respondan ás solicitudes do Concello para reparar as deficiencias observadas nas vivendas analizadas, Avia Veira tamén quere saber se o Goberno Local está a considerar a execución subsidiaria, na cal o Concello asumiría o custo das obras e, posteriormente, facturaría aos propietarios do edificio.