BNG | nota de prensa
O BNG apresenta as súas propostas para o PRESCO 2021
Advirte que os remanentes son insuficientes e que cómpre subscribir un crédito e reasignar partidas dos orzamentos
A Coruña, a 18 de marzo de 2021. O grupo municipal do BNG apresentou este xoves en conferencia de prensa as súas propostas para o Presco 2021 e mostrou a súa disposición a consensualas co Goberno Local e co resto de forzas políticas con representación no Concello.
“Son propostas infelizmente feitas ás cegas porque até hoxe non soubemos, pola prensa, dos remanentes orzamentarios de que dispón o Goberno Local [3,6 millóns de euros] e aínda ignoramos o grao de cumprimento do Presco 2020”, dixo o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, quen compareceu ante os medios canda a concelleira Avia Veira.
Jorquera remarcou que eses remanentes son “claramente insuficientes” para financiar o Presco 2021, polo que demandou que o Concello subscriba un crédito e recorra tamén á vía de reasignar partidas dos orzamentos 2020.
“A prioridade neste momento ten de ser atender as gravísimas consecuencias socio-económicas da pandemia, atender os sectores máis vulnerábeis e castigados. A prioridade non pode ser o equilibrio financeiro. Defendemos que o Concello recorra por tanto a un crédito. Tamén que reasigne partidas, aquelas do orzamento 2020 que pola súa natureza non son urxentes e poden ser aprazadas para outros exercicios”, indicou Jorquera.
O portavoz do BNG subliñou na súa intervención ante os medios que o “consenso” entre os distintos grupos municipais tense que dar “primeiro no seo da Comisión de Facenda” para logo o trasladar ao Pleno cando se leve o modificativo de crédito dos orzamentos de 2020.
Criticou Jorquera a “lentitude” e o “retraso sistemático” do Goberno Local á hora de tramitar o Presco 2021. “Ante esa lentitude, tanto nós como o resto de grupos da oposición, vímonos obrigados a formular as nosas propostas ás cegas, sen termos información sobre os recursos de que disporía o Concello para financiar este novo plan”, esclareceu o voceiro nacionalista.
Para Jorquera, é unha “obviedade” que o Presco 2021 ten de ter unha suficiente dotación orzamentaria. “O Presco 2020 tiña un orzamento por volta dos 13 millóns de euros, mais o importante é que esa cantidade se execute na súa totalidade”, subliñou. E nese sentido, precisou: “Aínda hai solicitudes de axuda que foron concedidas, pero que non chegaron ás súas beneficiarias e beneficiarios”.
Apelación á alcaldesa
As propostas fainas o BNG, por tanto, desde un certo grao de incerteza, o decorrente da falta de información fornecida polo Goberno Local á oposición.
“O pasado fin de semana publicouse unha entrevista coa alcaldesa”, dixo Jorquera, “e á pregunta sobre o retraso do novo Presco, Inés Rey respondeu que era responsabilidade de todas as forzas políticas porque os grupos non fixeran aínda as súas propostas”.
Ante esta declaración de Inés Rey, contesta Jorquera cun apelo directo: “Pídolle a alcaldesa que non pase a pelota: o retraso é só imputábel ao Goberno Local. Se non se tivese obstinado en prorrogar os orzamentos, non estaríamos nesta situación. E se o Goberno Local tivese feito os seus deberes, tampouco estaríamos nesta situación”.
As propostas do BNG
Canto ás propostas concretas do Bloque, que na súa íntegra se achegan nun arquivo adxunto, Jorquera esclareceu que combinan dous eixos básicos, o social –visando fortalecer os servizos públicos para atender os sectores da poboación máis damnificados pola crise- e o económico –a través de axudas a persoas autónomas e PEMES, incentivos ao consumo para dinamizar a economía por medio de bonos e outras achegas.
E todo iso enmarcado nunha “información máis áxil e eficaz para garantir que as e os potenciais beneficiarios da axudas coñezan a súa existencia e os requisitos esixidos”. Unha campaña informativa que, alén de máis, veña acompañada dun reforzo do servizo de asesoramento e atención a consultas.
Subliñamos a seguir algunhas das propostas:
Medidas sociais
- -Dotar de recursos suficientes, flexibilizando as condicións de acceso, a Renda Social Municipal e as Axudas de Emerxencia Social.
- -Aumentar o financiamento de liñas como os comedores sociais, as bolsas comedor, o servizo de axuda a domicilio, o aloxamento de persoas sen fogar, o bonotaxi...
- -Pór máis recursos no combate contra a violencia machista, fenómeno que se recruou durante a pandemia. Coordinar con outras administracións un protocolo de atención e seguimento ás vítimas.
Medidas económicas
- Axudas a persoas autónomas e PEMES, concentrándoas en liñas que complementen as achegas establecidas por outras administracións, de modo a evitar duplicidades e visando garantir o mantemento da actividade e o emprego. Cómpre nese sentido simplificar e axilizar a súa tramitación para evitar que se eternice. O mecanismo básico será que a persoa solicitante da achega presente unha declaración responsábel de que cumpre todos requisitos esixidos. Asemade, propomos flexibilizar os criterios nas denegacións por impagamento á facenda local, de xeito que só se deneguen aquelas axudas cuxos solicitantes tivesen máis de dous apercibimentos por impagos ou retrasos nos pagamentos.
- Incentivos ao consumo a través dos bonos. Cómpre introducirmos os bonos físicos para evitarmos a exclusión daquelas persoas que non se manexan coas novas tecnoloxías e ao tempo é ben estendermos as axudas a segmentos non contemplados no Presco 2020 e que están a sofrer a crise con moita intensidade, nomeadamente salóns de peiteados, axencias de viaxes e taxis.
- Propomos tamén establecer un sistema de bonos para a hostelaría (por exemplo, descontos por porcentaxe do total consumido) e no ámbito da cultura alargar as achegas a “consumos culturais” que vaian máis alá das librarías, isto é incluír campos como o teatro, o cinema, os concertos...
- Máis propostas para a Cultura: posta en marcha dun amplo programa de actividades con eventos en todos os barrios da cidade e protagonizado de xeito preferente polas creadoras locais, apoio específico ás salas de concertos con programación en streaming sempre que non sexa posíbel a presenza de público, nova convocatoria de bolsas de creación artística para artistas individuais...
- Outras medidas específicas para o comercio e a hostelaría: A posta en marcha, en cooperación coas asociacións do sector, dunha plataforma de libre adhesión, dirixida ao pequeno comercio, de venda por Internet e entrega a domicilio. Desenvolvemento dunha bolsa de baixos comerciais en réxime de alugueiro. Creación dunha imaxe de marca coruñesa que contribúa a posta en valor destes sectores.