Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica reclama a convocatoria da Comisión de Facenda
O goberno municipal ten a obriga de presentar a liquidación do ano 2020, que non pechou aínda a mediados de marzo
María García: “Queremos coñecer as cifras oficiais, non as que lle convén contar a Inés Rey. Con propaganda non se amañan os problemas, nin os da xente nin os do Concello”
A Coruña, 18 de marzo de 2021.- A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, reclamou hoxe a inmediata convocatoria da Comisión de Facenda para que o goberno presente a liquidación de 2020 e faga públicos os datos económicos reais do Concello da Coruña. “Queremos coñecer as cifras oficiais, non as que lle convén contar a Inés Rey. Con propaganda non se amañan os problemas, nin os da xente, nin os do Concello”, asegurou García.
Antes de presentar a liquidación do exercicio 2020, que segue sen chegar ao pleno a mediados de marzo, o goberno municipal deu a coñecer a través da prensa unha serie de datos nesgados e con aires catastrofistas, que semellan un intento de poñer a venda antes que a ferida. “Semella que Inés Rey quere vender agora situación o máis negra posible, para que calquera dato futuro nos pareza bo”, advirte a nosa voceira.
Así, anúnciase unha caída de ingresos “histórica” por mor da pandemia, que oculta, en realidade, un pinchazo da burbulla sobre a que se construíron os Orzamentos 2020. Daquela, Inés Rey inchou as previsións de ingresos para poder anunciar unhas contas “históricas” (outra vez) que chegaban a 260 millóns. A realidade, máis que a pandemia, puxo as cousas no seu sitio: os 237,9 millóns cos que ao final contou o goberno en 2020 son moi similares aos dos orzamentos de 2016 e 2017. Ningunha anomalía fóra da propaganda.
O misterio dos ingresos minguantes e o investimento crecente
Nesta redución de fondos hai unha importante anomalía. O goberno municipal recoñece que os ingresos tributarios do Concello reducíronse en 8 millóns de euros. Pero a baixada dos ingresos globais é de máis de 22 millóns. A desaparición deses 14 millóns de euros adicionais é, polo de agora, un misterio.
A sucesión de quimeras continúa cando o goberno municipal anuncia que, pese á caída de ingresos “histórica”, en 2020 o Concello da Coruña acadou un investimento non menos “histórico” de 21,6 millóns de euros.
Pero hai trampa. Nesa cifra inclúen o pago polas expropiacións irregulares do Castro de Elviña, 12 millóns, que máis ca un investimento é o pago do enésimo pufo urbanístico herdado de Francisco Vázquez. O dato real foi de 9,6 millóns, menos que calquera ano do goberno da Marea Atlántica.
O verdadeiramente “histórico”, a baixa execución
Pero si que houbo algo “histórico” no orzamento 2020, a baixísima execución, a menor dos últimos cinco anos. Xusto en pandemia, xusto cando cada euro público é necesario, Inés Rey deixou 82,6 millóns de euros sen gastar. Só foi quen de investir o 74% do orzamento, cinco puntos por debaixo do peor ano da Marea Atlántica.
Ademais, cinco das dez áreas do goberno non foron quen de superar o 50% de execución, entre elas a Alcaldía. Uns pésimos resultados para un goberno máis interesado en poñerlle a todo o adxectivo “histórico” que en facer o seu traballo polo ben da cidade. Se quere rectificar, debe comezar negociando e elaborando uns Orzamentos 2021 adatpados ás necesidades actuais da Coruña, non a manobras propagandísticas.