BNG | nota de prensa
O BNG contesta á Xunta: “É evidente que un proxecto de hospital que aínda non pasou do power point e que carece de prazos de construción non vai ser a solución fronte á pandemia”
O grupo municipal nacionalista leva unha moción ao próximo Pleno con medidas para reforzar a sanidade galega con carácter inmediato
A Coruña, a 28 de outubro de 2020. A Xunta de Galiza criticou onte o BNG após a formación nacionalista terlle pedido que retirase a proposta de convenio co Concello para a construción do novo CHUAC.
O Goberno galego censura o BNG por “torpedear” a construción dun novo hospital que presentaría como arma para combater a pandemia.
A respecto disto, o portavoz do BNG en María Pita contesta á Xunta: “É evidente que un proxecto de hospital que aínda non pasou do power point e que carece de prazos de construción no vai ser a solución fronte á pandemia”. “Estamos a falar dun proxecto cuxa materialización demorará anos. A propia Xunta calcula que as obras non comezarán até 2024. O combate á pandemia estámolo librando no momento presente, é unha batalla que hai que gañar aquí e agora. E o que precisamos é que a Xunta asuma as súas competencias exclusivas en materia sanitaria e non desvíe responsabilidades a outras administracións”.
“Desde o BNG non negamos a necesidade de ampliar o actual CHUAC”, esclarece Jorquera. “Mais ese proxecto non pode servir como cortina de fume para tapar a desatención a necesidades moito máis imperiosas”, enfatiza.
No canto de facer propaganda co novo CHUAC, a Xunta debería pór o foco en contratar “máis rastrexadores, máis investigadores e máis persoal sanitario”, remarca o voceiro nacionalista.
En definitiva, a pandemia non pode agardar e por iso o BNG vén de rexistrar unha moción para o seu debate no Pleno do vindeiro xoves 5 de novembro en que se detallan medidas concretas para que o reforzo da sanidade pública se produza con carácter inmediato. A moción é produto dunha iniciativa da Plataforma SOS Sanidade Pública de Galiza que o BNG traslada á Corporación.
Entre outras medidas, o BNG pídelle ao Goberno galego que se incremente o orzamento sanitario e que os recursos asignados á comunidade autónoma con cargo ao Fondo Covid-19 se destinen á sanidade pública na Galiza. Demándalle tamén o retorno á atención presencial nos centros de saúde -as consultas telefónicas teñen que se subordinar a aquela e non ao revés- e, canto aos hospitais, a creación de circuítos separados para persoas con Covid e doentes doutras patoloxías, ben como abrir os centros pola tarde “para acabar o máis axiña posíbel coa enorme lista de espera xerada durante a pandemia”.
A moción insta tamén á Xunta a que forneza información real e actualizada das persoas afectadas en cada localidade para os concellos e as persoas “coñeceren a transcendencia da pandemia e colaboraren activa e responsabelmente na súa solución”.
O convenio de Pontevedra
Na súa crítica ao BNG, a Xunta referiuse tamén ao convenio para a construción dun novo hospital en Pontevedra, asinado polo goberno municipal nacionalista.
“A verdade é que perderon unha boa oportunidade de estaren calados. O convenio de Pontevedra é de 2016. Pois ben, o Concello si cumpriu todas as súas obrigas, mais a Xunta fixo unha xestión tan nefasta de todo o asunto que a estas alturas, e despois de declarar deserta a primeira licitación das obras, tena aínda que sacar de novo a concurso. En 4 anos non foron capaces nin de licitar o proxecto! Non parece un modelo do que sentirse orgulloso”, ironiza Jorquera.