BNG | nota de prensa

O BNG pídelle ao goberno local que esixa á compañía de tranvías o control do aforo dos buses que van ao campus de Elviña

Avia Veira formulará unha pregunta oral no próximo Pleno sobre que medidas vai adoptar o Goberno Local para esixir á Compañía de Tranvías que cumpra cos protocolos da Covid-19

O BNG pídelle ao goberno local que esixa á compañía de tranvías o control do aforo dos buses que van ao campus de Elviña
Rolda prensa campus Elviña
Rolda prensa campus Elviña

A Coruña, a 13 de outubro de 2020. A concelleira do BNG Avia Veira pediulle hoxe ao Goberno Local que esixa á Compañía de Tranvías, concesionaria do servizo de buses urbanos na cidade, o cumprimento estrito dos protocolos de seguridade da Covid-19.

“O Goberno Local tenlle que esixir á Compañía de Tranvías dúas cousas. Primeiro, que controle a capacidade dos seus buses, o seu aforo. Os que van ao campus de Elviña van ateigados como antes da pandemia. Segundo, que reforce con máis autobuses as liñas, non só as que van á UDC, senón tamén as máis masificadas da cidade –como a 14, a 21 ou a 6-”, dixo Avia Veira durante un encontro cos medios realizado perante unha das marquesiñas dos buses do campus universitario coruñés.

“Estamos aquí para expresarmos o apoio do BNG á campaña de Galiza Nova en demanda dun transporte seguro”, indicou Veira, acompañada de Nacho Siota, responsábel comarcal da organización xuvenil nacionalista. “Sufrimos día a día a falta de seguridade no interior dos buses. Non hai un plan serio por parte do Concello para garantir a saúde das persoas usuarias”, afirmou Siota. As e os estudantes de institutos, centros de FP e universidade ven como o risco aumenta día tras día sen que ninguén faga nada para arranxalo”, engadiu.

O problema é que estamos en plena pandemia e basicamente a Compañía de Tranvías actúa como se non existise o virus. “Temos as mesmas cifras de persoas usuarias e os buses continúan a se encher nas mesmas condicións que antes da pandemia”, denuncia Avia Veira. “Lembro que na miña época de estudante universitaria víñamos ao campus como sardiñas en lata e naquela altura denunciabamos iso, que víñamos como sardiñas en lata. Pois en plena pandemia, continúa a acontecer exactamente o mesmo” alega.

Esta situación vai levar o BNG a formularlle unha pregunta oral ao Goberno Local no próximo pleno de novembro, anunciou a edil nacionalista. “Queremos saber que pensa facer o Goberno Local para esixirlle á Compañía de Tranvías que cumpra cos protocolos da Covid-19. Se a empresa continúa sen o facer, o Concello tena que sancionar”, salientou Veira.

Non abonda, subliñou a concelleira, cos anuncios feitos a semana pasada pola Compañía de Tranvías (“que pensamos foron feitos para saír do paso a esta campaña de Galiza Nova”), polo que é preciso que “o Goberno Local esixa seriamente á concesionaria o control do aforo e o reforzo das liñas con máis autobuses”.

Remarca Veira que por moito que o servizo dos buses urbanos estea concesionado a unha empresa privada –“que por certo se lucra por xestionar o dereito á mobilidade das coruñesas e dos coruñeses-” o titular do servizo é o Concello.

“O dereito á mobilidade e o dereito á saúde son dous dereitos básicos da veciñanza desta cidade dos que se ten que facer responsábel o Goberno Local”, concluíu.

SOBRE A CONDONACIÓN DA DÉBEDA DO PORTO

Xa fóra do asunto do transporte urbano, Veira foi cuestionada por unha xornalista a respecto do debate aberto arredor da condonación por parte do Estado da débeda do porto coruñés.

“Insistimos en que é fundamental a condonación da débeda. Mais iso é só unha cara da moeda. Hai que condonar a débeda, mais é fundamental tamén estabelecer que novos usos lle damos ao bordo litoral no momento en que se desafecte do uso portuario”, dixo Avia Veira.

A posición do BNG é que o porto interior continúe a ter un uso produtivo e que se evite calquera tentación de dar un pelotazo urbanístico co solo desafectado.

“Estamos nun momento en que se están a elaborar os Orzamentos do Estado”, fixo notar Avia Veira, polo que é “o momento de presionar politicamente para que esa condonación estea incluída, como estivo a condonación da débeda do porto de Valéncia. Nós non imos consentir ningún tipo de discriminación con Galiza. Igual que se condonou a débeda de Valéncia tense que condonar a da Coruña”.

E a esa presión, salientou, tense que sumar o Goberno Local, o que, ademais, daría cumprimento “ao Acordo de Investidura que asinamos en xuño de 2019 BNG e PSdeG”, indicou.

O BNG pídelle ao goberno local que esixa á compañía de tranvías o control do aforo dos buses que van ao campus de Elviña