Memoria histórica
O BNG denuncia que os Franco están a extraer os bens da Cornide
A organización nacionalista urxe o Goberno Local a formalizar a demanda para que o palacete volva ao pobo da Coruña e a solicitar que se faga un inventario do que se atopa dentro para evitar calquera tentativa de saqueo
A Coruña, 22 de decembro de 2020.- O BNG denuncia que os Franco están a levar os bens que se atopan no interior da Casa Cornide, tal e como tentaran facer no Pazo de Meirás.
Durante esta mañá, a organización nacionalista foi advertida por veciñas/os que se atopaban na Cidade Vella da presenza dunha furgoneta diante do palacete e de que estaban a cargar o vehículo con bens que se atopan no interior da casa.
Para o Bloque isto é un síntoma de que os Franco queren evitar que pase o que en Meirás: que se faga un inventario do que contén a Casa Cornide para evitar que o leven de alí.
É por iso que a organización nacionalista urxe o Goberno Local a formalizar a demanda para que o palacete volva ao pobo da Coruña e a solicitar que se faga un inventario do que se atopa dentro para evitar calquera tentativa de saqueo.