Marea Atlántica | nota de prensa

María García: “Insistimos, o único realismo posible para o futuro do porto da Coruña é condonar a débeda”

A voceira da Marea Atlántica valorou hoxe a proposta da UDC para os peiraos de San Diego e Petroleiro, demandando unha maior definición das cuestións clave para o futuro do porto

María García: “Insistimos, o único realismo posible para o futuro do porto da Coruña é condonar a débeda”
20201216_SGR_com_borde_litoral__GR_3058
Comisión Especial do Bordo Litoral
  • Bótase en falta unha análise máis fonda dos sectores productivos que están e poden estar no porto da Coruña, con atención á lonxa, o sector pesqueiro e á economía do mar
  • A débeda e os usos produtivos estiveron totalmente ausentes das declaracións de Inés Rey tras reunirse co presidente da Autoridade Portuaria: un grave erro

A Coruña, 16 de decembro de 2020.- A voceira municipal da Marea Atlántica e presidenta da Comisión Especial do Bordo Litoral, María García, agradeceulle hoxe á Universidade da Coruña a presentación da segunda parte do documento de Liñas Estratéxicas para Reordenación do Espazo Portuario Interior, que contén unha proposta para a chamada Zona 2, que abrangue os peiraos de San Diego e Petroleiro e a estación de mercadorías.

“O proxecto supón unha mellora con respecto ao escenario que debuxaban os convenios de 2004, pero volve estar moi determinado pola situación financeira da Autoridade Portuaria. Solicitámoslle ademais ao goberno local, responsable da encarga realizada á Universidade da Coruña, maior concreción e máis audacia nalgúns aspectos moi sensibles para o futuro dos peiraos, que fican indefinidos”, sinalou García.

En primeiro lugar, a presidenta da Comisión pediu “realismo á hora de afrontar a débeda de 200 millóns con Portos do Estado, como pedimos onte. Sen liberar esa carga, non será posible recuperar os peiraos para a cidade, pagar o crédito e abordar a transformación urbana. É imposible. Por iso insistimos nun Pacto contra a Débeda”. García recordou que Valencia, onde se perdoaron 400 millóns, demostra que é posible facelo.

María García lembrou que “A Coruña paga un interese moito maior do que o propio Estado abona á Unión Europea. Deste xeito, o porto da Coruña pagou xa 40 millóns de euros só en intereses, sen amortizar con iso nin un só euro do crédito. Así non pode seguir”.

Escaso realismo na xuntanza entre Inés Rey e Fernández Prado

A presidenta da Comisión do Bordo Litoral lamentou, neste sentido, que a débeda estivese ausente das declaracións que a alcaldesa Inés Rey e o presidente da Autoridade Portuaria fixeron tras reunirse hoxe por primeira vez, “pois sen afrontar a situación financeira do porto non hai recuperación posible dos peiraos interiores, non sen abrirlle a porta á especulación e a facer caixa co patrimonio da Coruña. Quen non fala da débeda é, ben porque non ten alternativa, ben porque oculta algo”.

Rey limitouse a falar da “desafectación” dos terreos portuarios, outro grave erro cando falamos de San Diego e Petroleiro, onde se sitúa o groso da actividade económica do porto, unha das principais fontes de riqueza da Coruña. “Chama a atención que o goberno municipal non lle dedicase unha soa palabra a actividades tan relevantes como a pesca, que son fundamentais e non se van poder trasladar ao porto exterior. Lamentamos que o encontro entre Rey e Fernández Prado quedase só nunha foto de paseo, carente de calquera proposta”, denunciou María García.

Respecto aos sectores produtivos do porto

A nosa voceira solicitoulle á UDC unha análise en profundidade da pesca e outras actividades produtivas que se están a desenvolver nos peiraos de San Diego e Petroleiro e das que se poderían desenvolver no futuro, para manter o caracter de motor económico do porto e por extensión, da cidade.

O documento fala de fomentar a economía azul, a investigación e a riqueza do mar, perspectiva coa que estamos de acordo, pero non detalla o futuro da lonxa, sendo unha das principais de Europa e a maior en descargas de peixe fresco. Tampouco se atende ao espazo que se dedicará a cuestións vitais como a almacenaxe e o tratamento de mercadorías. “Botamos en falta un maior diálogo coa Confraría de Pescadores, o Muro e as empresas vinculadas ao sector do mar, que enriquecería a proposta e a dotaría dun maior realismo ao conxunto do traballo”.

Exceso de edificabilidade e usos terciarios

Doutra banda, chama a atención que a proposta da UDC manteña en San Diego a elevadísima a edificabilidade prevista nos convenios de 2004, con edificacións en altura de até baixo máis catro andares. A indefinición da titularidade pública do solo é outro dos aspectos preocupantes da proposta para o muelle de San Diego. Respecto ás diferentes mencións ao uso residencial, tanto no peirao de petroleiros, como en San Diego, entendemos que tras a crise inmobiliaria que arrasou este país hai pouco máis dunha década e cuxas consecuencias aínda padecemos, agora incrementadas coa crise sanitaria, a nosa obriga como sociedade é protexer o bordo litoral de usos incompatibles coa protección ambiental e as condicións que esixen as economías do mar.

“Como xa sinalaramos na nosa valoración para a proposta da Zona 1, detectamos unha excesiva aposta polos usos terciarios e comerciais, nun momento no que o comercio local precisa apoio e non competencia de modelos propios dos anos 90 que fracasaron, como o veciño centro comercial á beira dos xardíns”, afirma María García.

Neste sentido, chama a atención a proposta para a Estación de Mercadorías de San Diego, que abre a porta a unha explotación comercial do edificio e deixa nunha simple nota ao pé o necesario ferrocarril de proximidade. “Temos infraestrutura para conectar a comarca por tren, hai que aproveitala ao máximo e apostar por unha mobilidade á altura dos tempos e as necesidades da área metropolitana”, engadiu a nosa voceira.

Retos urbanos do século XXI

María García sinalou que “A Coruña, como todas as urbes do século XXI, ten que afrontar o reto de garantir o dereito á cidade, combater o cambio climático, fomentar un uso máis igualitario do espazo público e reducir o seu impacto no medio, ademais de impulsar os pulmóns económicos singulares como o localizado no porto interior da Coruña. Por iso lle pedimos á UDC que faga un esforzo para ter en conta o futuro, sen repetir modelos que xa amosaron o seu fracaso”.

En resumo, a presidenta da Comisión do Bordo Litoral pediu resposta ás principais preguntas que pesan sobre o futuro do porto: “Como vai contribuir o redeseño dos peiraos ao emprego e ao músculo económico do porto e a cidade? Como vai mellorar a mobilidade? Como se van conectar os peiraos cos barrios? E, sobre todo, como imos facelo sen resolver a lousa dunha débeda que raia na usura?”.

A resposta a esas preguntas ten que chegar da man dos consensos que renovou o Pleno o pasado 3 de decembro, cando aprobou por unanimidade unha moción da Marea Atlántica: condonación da débeda, financiamento a conexión ferroviaria con Punta Langosteira, o uso e titularidade pública dos peiraos, e participación da veciñanza no deseño futuro do bordo litoral.

María García: “Insistimos, o único realismo posible para o futuro do porto da Coruña é condonar a débeda”