mobilidade
O BNG denuncia a "neglixencia" do Goberno Local pola falta de licitación do novo contrato de transporte público
A Coruña, 10 de decembro de 2024. O Bloque Nacionalista Galego (BNG) considera unha "neglixencia inaceptábel" que o Goberno Local non licitase aínda o novo contrato do transporte público urbano, a tan só unhas semanas de que finalice a actual concesión a finais de decembro. Así o expresou a concelleira nacionalista Avia Veira, quen levará este asunto ao Pleno deste mércores en forma de pregunta oral.
Veira criticou con contundencia a falta de planificación por parte do executivo liderado por Inés Rey, cualificando a situación de “incomprensíbel”. Na súa intervención no Pleno, a edil planteará a seguinte cuestión: “Pode explicar o Goberno de Inés Rey o motivo polo que estamos en decembro de 2024 coa concesión do servizo de transporte colectivo de viaxeiros a uns días de caducar e sen un horizonte claro do que vai acontecer a partir do 1 de xaneiro de 2025?”.
Para a representante do BNG, a falta de previsión por parte do Goberno Local non ten xustificación, dado que era coñecida desde hai tempo a data de finalización da actual concesión. "Non fixeron os deberes. Nin se acordou en Xunta de Goberno Local a continuidade do servizo, nin se licitou o novo contrato", afirmou Veira.
A concelleira tamén alertou das consecuencias que esta situación está a ter para as persoas usuarias e o persoal condutor dos autobuses. “É evidente que a frota precisa unha renovación urxente. As liñas están colapsadas, e os autobuses van completamente ateigados. A única solución pasa pola licitación dun novo contrato que contemple as melloras necesarias”, subliñou.
O BNG prevé que este tema protagonice boa parte do debate no Pleno municipal, onde Avia Veira advertirá ao Goberno Local sobre a súa “ineptitude e neglixencia” na xestión deste asunto clave para a cidade. “É fundamental que se resolva esta situación canto antes para evitar un colapso no servizo a partir de xaneiro de 2025”, conclúe Veira.