BNG | nota de prensa

O BNG insta a Xunta a exigir do Estado a licitación do tren a Punta Langosteira e a condonación da débeda do Porto

O Pleno do Parlamento galego vai debater a próxima semana (martes ou mércores, aínda está por axendar) unha iniciativa por medio da cal o BNG insta a Xunta a que esixa do Estado a licitación do enlace ferroviario a Punta Langosteira e a condonación da débeda contraída pola Autoridade Portuaria con Portos do Estado pola construción da dársena exterior.

O BNG insta a Xunta a exigir do Estado a licitación do tren a Punta Langosteira e a condonación da débeda do Porto
Mercedes Queixas no mitin do BNG nas Conchiñas
Mercedes Queixas no mitin do BNG nas Conchiñas

A Coruña, a 20 de marzo de 2021.-  A iniciativa, que leva a sinatura da deputada Mercedes Queixas, empraza tamén o goberno galego a que demande con urxencia, desde a súa representación no Consello de Administración da Autoridade Portuaria, un plan estratéxico de recuperación e impulso da actividade comercial do porto.

Explica Mercedes Queixas na exposición de motivos desta proposición que “o porto está inmerso nunha regresión económica continuada sen precedentes durante a última década”. As razóns son múltiples e teñen a ver coa nefasta xestión da Autoridade Portuaria durante os últimos anos: “A acusada diminución de tráficos sen excepción, o abandono do importante tráfico de contedores, a dependencia das descargas de petróleo e carbón, así como a aposta polo tráfico de cruceiros xunto á ausencia de diversificación e captación de novos mercados [ao contrario do que fixeron portos próximos como Vigo, Ferrol ou Leixões]”, pormenoriza Queixas.

Un dato abondo para ilustrar o declive da nosa dársena: mentres que os tráficos portuarios coruñeses decreceron en 11,5%, no conxunto dos portos españois rexistrouse un significativo aumento de 20,7%.

Cómpre, por tanto, reaxir e facelo canto antes, visando garantir que o porto continúe a ser “un importante motor económico para a cidade e comarca”. Nese sentido, entende o BNG que a dársena coruñesa require dun plan estratéxico “que contribúa a se recuperar como un emprazamento óptimo para acoller unha ampla diversidade de escalas e tráfico comercial nacional e internacional”.

A posta en valor do porto require, claro, a conexión ferroviaria coa dársena exterior e tamén captar novos tráficos, nomeadamente o emerxente de contedores, de modo a “ser base de operacións” con vistas a gañar cotas no mercado internacional.

O BNG insta a Xunta a exigir do Estado a licitación do tren a Punta Langosteira e a condonación da débeda do Porto