BNG | nota de prensa
O BNG leva as políticas de mobilidade ao pleno do 9S
“O transporte público da nosa cidade non está pensado para a xente, senón para satisfacer os intereses da compañía de tranvías”
A Coruña, a 1 de setembro de 2021. A concelleira do BNG Avia Veira vaille formular unha pregunta oral ao Executivo coruñés no Pleno do vindeiro 9 de setembro en relación ás políticas de mobilidade.
“O transporte público da nosa cidade non está pensado para resolver os problemas de mobilidade da veciñanza, senón para satisfacer as necesidades económicas da Compañía de Tranvías [concesionaria do servizo de bus urbano]”, afirma a edil nacionalista.
O transporte público da Coruña non está pensado para a xente como o demostra o feito de os horarios non cubriren as necesidades de persoas que ou traballan moi cedo pola mañá ou fano a última hora do día. “Tampouco están ben planificados os percorridos, nomeadamente a conexión cos barrios máis afastados do centro, como tampouco está garantida a accesibilidade dos buses e das súas paradas”, apunta Veira.
Unha das materias pendentes deste Goberno Local ten a ver con políticas que desincentiven o uso do vehículo privado, elemento fulcral no combate contra as alteracións climáticas.
“Non coñecemos iniciativas para construír aparcamentos disuasorios ben conectados con transporte público”, denuncia Veira, para quen as políticas de mobilidade promovidas desde o Concello carecen da suficiente flexibilidade para se adaptar ás necesidades das persoas usuarias.
“En realidade, todo parece pivotar arredor de satisfacer os intereses económicos da Compañía de Tranvías”, conclúe Veira.