Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica advirte ao PSOE de que o atraso nos participativos pode supoñer unha demora nas contas de 2022
Pasaron cinco semanas en branco desde o anuncio do regreso deste proceso participativo. Queda moi pouco tempo para ter resolta a convocatoria antes de fin de ano
María García: “A alcaldesa debería tomarse en serio a recuperación dos Orzamentos Participativos, porque é un dereito da veciñanza, e un dos acordos de investidura que asinou co noso grupo”
A Coruña, 15 de setembro de 2021.- A Marea Atlántica insta ao goberno municipal a non esquecer o seu compromiso e iniciar de inmediato a convocatoria dos Orzamentos Participativos para 2022. A alcaldesa deu a súa palabra de facelo tras o Pleno do mes de xullo, e o executivo fixo un anuncio oficial o 7 de agosto. Cinco semanas despois, non houbo un só avance, non se coñece nin calendario, nin como será o reparto de fondos.
Xa a comezos de agosto era escaso o tempo para lanzar os Orzamentos Participativos cunha convocatoria resolta a finais de ano. Logo de case corenta dias sen avances, a situación comeza a ser preocupante. Lamentaríamos que isto supuxese un atraso na aprobación das contas municipais para o ano 2022, moi necesarias para a cidade.
Para a voceira da Marea Atlántica, María García, “a alcaldesa debería tomarse en serio a recuperación dos Orzamentos Participativos, porque é devolverlle á veciñanza un dereito que lle recortou en 2020, e porque supón cumprir un dos acordos de investidura que asinou co noso grupo. Para ter un clima de entendemento e negociación, é imprescindible cumprir a palabra dada”.
Deste xeito, e como xa sinalamos, preguntarlle á veciñanza é un bo xeito de comezar a traballar nos Orzamentos 2022 que precisa A Coruña, pero non pode facerse sen as debidas garantías. Xa se vai ver reducida a contía ata os 2,5 millóns de euros, fronte aos 3 millóns de 2019, así que non deberían recortarse tamén garantías e prazos no resto do proceso.
Sería positivo que se mantivesen, como mínimo, 200.000 euros para cada un dos dez distritos, deixando o resto para proxectos que afecten a toda a cidade, xa que favorecer o investimento nos barrios é un dos obxectivos principais desta convocatoria. Solicitamos, tamén, que se manteñan os criterios de avaliación das edicións anteriores, e que sigan a existir puntos de apoio presencial nos centros cívicos e bibliotecas municipais, para axudar a quen teña problemas coa presentación dixital de iniciativas.
Un dereito gañado en 2016
Os Orzamentos Participativos na Coruña naceron co goberno de Xulio Ferreiro en 2016, facendo partícipe a veciñanza dos investimentos do Concello e outorgando un dereito que se consolidou ao longo de catro anos.
O diálogo, sen intermediarios, é un dos piares sobre os que se constrúe unha cidade verdadeiramente democrática. Por iso, e a pesar dos problemas, saudamos o regreso dos Orzamentos Participativos e estaremos vixiantes para que os compromisos anunciados hoxe polo goberno local se convertan en realidades.