BNG | nota de prensa
O BNG pregúntalle ao goberno local que pensa facer para pór remedio a diversos incumprimentos da Ordenanza do Galego
Das 7 grandes cidades galegas A Coruña foi a última en se dotar dunha Ordenanza do Galego e fíxoo finalmente grazas ao impulso do BNG.
A Coruña, a 26 de xullo de 2021. A norma apareceu publicada no BOP (Boletín Oficial da Provincia) o pasado 22 de xuño. Decorrido apenas un mes, a concelleira nacionalista Avia Veira rexistra unha pregunta por escrito ao Goberno Local en relación con distintos incumprimentos da Ordenanza do Galego que xa se teñen rexistrado e, por tanto, coa intención de saber que pensa facer o Executivo coruñés ao respecto.
Incumprimentos como o da empresa que xestiona o servizo de socorrismo nas praias da Coruña e que está a empregar exclusivamente o castelán nos seus avisos non gravados ou como a edición e publicación por parte do Concello dun libro sobre o arquitecto Andrés Fernández Albalat exclusivamente en castelán, cando o artigo 6 da Ordenanza establece que as publicacións municipais, en papel ou formato dixital, realizaranse en galego.
O mesmo caso dáse coa publicación editada polo Concello para promocionar a participación cidadá na elaboración do Plan Director do Barrio das Flores, tamén redactada exclusivamente en castelán.
“Cales son as medidas que vai tomar o Goberno Local para que as campañas e publicacións do Concello da Coruña se axusten ao que establece a Ordenanza desde a súa entrada en vigor?”, inquire Avia Veira o Goberno Local.
Máis incumprimentos: a Ordenanza prescribe (artigo 9) que os membros do Goberno Local e o persoal directivo do Concello “se expresarán normalmente en galego nos actos que tiveren lugar no ámbito lingüístico e nos que interviñeren en virtude do seu cargo”. Pois ben, sinala a concelleira, “temos asistido a algún acto público e sesión plenaria en que algunhas concelleiras/os non cumpriron con este precepto”.
Asemade, na súa recente campaña con motivo do Día Internacional do Orgullo LGBQi+ o topónimo utilizado non foi o único correcto e oficial, “A Coruña”, senón a forma “Coruña”.
“Cal é o motivo de que se empregue o topónimo de maneira incorrecta nesta campaña e como vai evitar o Goberno Local o emprego incorrecto do topónimo logo da entrada en vigor da Ordenanza”, pregunta a edil nacionalista.
De resto, Veira interésase por saber se o Goberno Local ten informado todos os servizos e unidades administrativas do Concello sobre a publicación e entrada en vigor da Ordenanza, un paso obviamente necesario para garantir o seu escrupuloso cumprimento.