BNG | nota de prensa
Avaliación da nova reunión da comisión inter-administrativa sobre o futuro do Porto
En relación á reunión da Comisión Inter-Administrativa sobre o porto realizada este mércores no Pazo de María Pita, o grupo municipal do BNG fai a seguinte avaliación:
29 jul 2021
- Non compartimos a lóxica de que as administracións teñan que desembolsar diñeiro público para se facer coa titularidade de terreos que xa son públicos. Aquí non se trata de quen pon máis fondos para ser o propietario de Batería e Calvo Sotelo –se o Concello ou a Xunta- senón de que eses terreos, unha vez liberados dos usos portuarios, revertan gratuitamente no pobo coruñés.
- Constatamos que nin a Xunta nin o Goberno do Estado nin tampouco o Goberno Local están a traballar pola condonación da débeda que pesa sobre a Autoridade Portuaria pola construción dunha infraestrutura, a dársena exterior, cuxa realización foi decidida nun Consello de Ministros. Están a falar de moratoria da débeda vinculada á venda de activos (os terreos portuarios), mais non están a pór sobre a mesa a condonación nin un mecanismo análogo consistente, por exemplo, en que o Estado achegue para a urbanización dos peiraos unha cantidade equivalente ao débito.
O BNG nunca vai apoiar unha solución que pase por aceptar a discriminación do noso porto e da nosa cidade. Por que temos que tolerar que se condone a débeda do porto de Valéncia e non a do porto da Coruña? - Continúa a nos chamar a atención a opacidade do Goberno Local a respecto da súa propia proposta. Como grupo municipal só a coñecemos a través dos medios de comunicación.
É obvio que calquera protocolo que se pretende asinar -calquera documento que en teoría substituiría o convenio de 2004- ten que pasar polo Pleno do Concello e, por tanto, os grupos municipais teríamos que estar informados con carácter previo sobre o seu contido.