BNG | nota de prensa
O BNG propón nunha moción que o goberno local desenvolva un plan de rehabilitación integral do barrio das Flores en diálogo coa veciñanza
A mellora global da accesibilidade, do pavimento e da limpeza, a dotación de novos equipamentos públicos (entre eles, un Centro Cívico e unha pista polideportiva) e o calmado do tráfico, entre as propostas da formación nacionalista
A Coruña, a 6 de abril de 2021. O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, vai defender no Pleno do próximo 8A unha moción por medio do cal insta o Goberno Local a que desenvolva un Plan de Rehabilitación Integral do Barrio das Flores en diálogo coa veciñanza.
As propostas que fai o BNG nesta iniciativa son produto do recente contacto tido por Francisco Jorquera con veciñas e veciños do barrio, “un dos máis singulares da cidade e con maior conciencia de seu”, remarca o voceiro nacionalista.
“O Barrio das Flores precisa dun plan de rehabilitación integral que recupere e poña en valor este barrio emblemático”, subliña Jorquera. A iniciativa do BNG coloca como obxectivos do Plan de Rehabilitación Integral a mellora global da accesibilidade, do pavimento e dos labores de limpeza, a dotación de novos equipamentos públicos (entre eles un Centro Cívico e unha pista polideportiva) e a adopción de medidas para calmar o tráfico e incrementar a seguranza dos peóns na estrada AC-10, da que é titular o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.
O BNG coñece que o Concello acaba de contratar unha asistencia técnica para redactar un Plan Director para a rehabilitación deste barrio. “Parécenos unha boa noticia, mais o que fai falta agora é que os contidos dese plan sexan falados e debatidos coa veciñanza, que é a que coñece de primeira man os problemas e carencias” desta populosa zona da cidade, na que moran por volta de 4.000 habitantes.
“En todo caso, mentres non se elaborar e materializar ese Plan, o Concello pode perfectamente adoptar xa medidas que contribúan a mellorar a calidade de vida das e dos veciños”, argúe Jorquera, quen agarda recibir o apoio do conxunto da Corporación para o Pleno lle dar luz verde a esta moción.