O CoLab: ameaza de desborde?
O CoLab Coruña, un proxecto de innovación social, segundo a publicidade do Concello da Coruña, estivo a punto de desborde a tarde do segundo día.
O momento crítico revelou a distancia entre os soños e as realidades, entre os profesionais e os diletantes, eses amadores que gastan tempo non remunerado en empurrar para cambiar o mundo e que foron convidados a participar no experimento [“unha marcianada”, en expresión das responsables municipais de Participación].
A cousa non petou porque os hábiles condutores do experimento dispersaron a protesta, xurdida desde a desconfianza dos convidados, excitados desde o día anterior polo apaixonado discurso de Antonio Lafuente, un experto en crear entornos hospitalarios para o diálogo entre activistas e administradores. Lafuente citou a Rosi Braidotti, Donna Haraway, Isabelle Stengers e Edward Said, para alentar á in-disciplinaridade, como primeira norma do CoLab e prometeu que foros coma este se dirixen a lograr “a visibilidade dos subalternos no espazo público” e que afloren “as identidades dos que sofren”. Esperanza fronte a expectativa; proposta fronte a protesta para empezar. Lafuente fixo eloxio dos amadores e estes, despois de case vinte horas de conferencias, discusións e encher paneis con posit, atrevéronse a interpelar directamente á autoridade, “a poñer o corpo”.
O CoLab, que reuniu durante dous días no Ágora a unhas cen persoas (entre organizadores, representantes de colectivos cidadáns convidados e veciños curiosos), pensouse coma “un lugar de encontro de comunidades distintas”, “para abordar os problemas de outra forma”. Durante meses, un equipo da UDC con financiamento do Concello, desenvolveu o método para “abrir” ese espazo inspirado en experiencias de éxito como o MediaLab-Prado de Madrid. Marcos García, un dos responsables da iniciativa madrileña, explicou que alí máis que outra infraestrutura construíran “unha comunidade”.
Un parto sempre é un momento crítico, e no CoLab a ameaza de desborde chegou cando alguén puxo o corpo e preguntou: “A onde se quere chegar con isto?”, e logo: “Falemos das marxes”. Claudia Delso, a concelleira de Participación, recoñeceu que os ritmos e os marcos nos que se move a Administración non son os dos colectivos e mesmo chegou a cuestionar o proceso, pero recompúxose inmediatamente e apelou ao esforzo feito ata entón. Non houbo desborde e os convidados volveron ao rego dos grupos de traballo. Ao fin, as propostas que xeraron os grupos para cada unha das áreas (programas de mobilidade, sociais, culturais, sobre o hábitat e a esfera dixital) foron tímidas e a cousa rematou cunha declaración de boas intencións para que algunha delas vaia adiante e dote de entidade ao CoLab [porque o orzamento municipal xa se encargou de reservar unha partida].
En calquera caso, o CoLab deixou algunhas notas útiles. Nagore De los Ríos, experta en Open Data e outras moitas cousas, regalou un método de estratexia e plans de comunicación que se pode descargar gratis (só é precisa a inscrición) nesta ligazón: https://www.outreachtool.com/
Enrique Saavedra ofreceu unha divertida charla sobre a cultura maker (outra nome para os emprendedores) e deu a coñecer unha experiencia moi próxima e inspiradora. Está aquí: http://galicia.makerfaire.com/
E Pedro Jiménez, que fixo apostolado do código aberto, convidou aos amadores, diletantes e novos maker a copiar, remexer e mesturar para innovar con pracer.
Estas experiencias animan a pensar que o CoLab inda se pode desbordar e crear algo útil ou divertido.