PIPE
A Plataforma pola Xestión Policial da Diversidade recoñece ao Concello da Coruña polas súas boas prácticas "na loita contra os delitos de odio"
O Concello coruñés incorporouse en maio deste ano ao Programa para a Identificación Policial Eficaz (PIPE), que busca "velar pola seguridade de toda a cidadanía e, ao tempo, garatir o respecto polas diversidades"
Fonte: Concello da Coruña | 24/11/2016
A Plataforma pola Xestión Policial da Diversidade vén de distinguir ao Concello da Coruña, en recoñecemento polas "Boas Prácticas da Xestión Policial da Diversidade". O organismo, integrado por diversas asociacións como a Unión Nacional de Xefes e Directivos de Policía Local (Unijepol), Fundación Secretariado Xitano, RAIS Fundación, ACCEM, Plena Inclusión, Fundación Cepaim, Federación Estatal de Gays, Lesbianas, Bisexuais e Transexuais (FELGTB), Movemento contra a Intolerancia, Rede Acolle e a Asociación de Policías Gays e Lesbianas (Gaylespol), distingue ao Concello "pola súa decidida implicación no desenvolvemento do Programa para a Identificación Policial Eficaz (PIPE)", ao que se adheriu o pasado mes de maio. Este programa, que desenvolve a Policía Local da Coruña, baséase en desenvolver diferentes accións formativas e en materia de xestión policial, "de cara a previr as identificacións con nesgo discriminatorio, mellorar a eficacia da Policía Local na súa loita contra os delitos de odio e impulsar a participación cidadá".
"Agradecemos especialmente esta mención, como o feito mesmo de que A Coruña fose unha das cidades seleccionadas entre todas as candidatas do Estado para adherirse a este programa", destacou este xoves a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, quen salientou o alto número de solicitudes que esta plataforma policial recibe cada ano. Por outro lado, a responsable municipal tamén quixo poñer en valor o labor que están a desenvolver neste campo os e as integrantes dos corpos de seguridade municipais. "Este recoñecemento forma parte dun traballo colaborativo e cooperativo, tanto por parte da propia Plataforma pola Xestión Policial da Diversidade, como por parte do Concello e os seus servizos de seguridade, tendo especial incidencia por suposto a Policía Local, así como todos os colectivos diversos da Coruña, sen os que non poderiamos ter levado a cabo este programa", destacou. "É unha gran noticia que chega xusto nesta semana, na que vemos, una vez máis, a implicación desta cidadanía coa campaña Coruña en Negro, contras as violencias machistas", engadiu a responsable municipal de Igualdade e Diversidade.
O Concello da Coruña foi recoñecido polas súas boas prácticas xunto co Ayuntamiento de Fuenlabrada, os Mossos d´Esquadra polo desenvolvemento da campaña T´escoltem contra as conductas discriminatorias, e a Dirección Xeral da Policía, polos convenios desenvolvidos con diversas entidades de cara a mellorar a atención da Policía Local cos colectivos que presentan distintas diversidades. Á súa vez, a Policía Local de Valencia foi tamén recoñecida polas súas accións de formación para a xestión policial da diversidade e o sarxento da Policía Local de Madrid David Martin foi galardoado tamén co recoñecemento "ao compromiso profesional coa xestión policial da diversidade". A Plataforma pola Xestión Policial outorga dende hai cinco edicións os recoñecementos Daniel Wagmar, en homenaxe a este xornalista e criminólogo norteamericano, xa falecido, polo importante traballo que desenvolveu no Estado a favor da igualdade e na loita contra a discriminación.
O plenario da Plataforma pola Xestión Policial da Diversidade decidiu por unanimidade concederlle ao Concello da Coruña este recoñecemento, algo que foi especialmente sinalado pola concelleira de Igualdade e Diversidade. "A nosa cidade, de acordo cos tempos, cada vez é máis diversa e máis plural. Hai xente con distintas realidades e con diferentes diversidades. Todas elas son veciñas e todas elas deben ser recoñecidas. Isto que é unha riqueza, á vez é un desafío que nos obriga a traballar. A nosa principal tarefa neste momento é erradicar por completo calquera tipo de manifestación de delitos de odio", explicou, á vez que se amosou especialmente satisfeita por que "o funcionariado a pé de rúa traballe coa perspectiva de que a diversidade existe, e de que enriquece a nosa sociedade".