Marea Atlántica | nota de prensa
Comunicado da Coordinadora da Marea Atlántica sobre os resultados das eleccións municipais do 28M
O obxectivo é avaliar conxuntamente o acontecido o 28 de maio e determinar o novo rumbo da organización
1 de xuño de 2023.- Foi un domingo negro. Ninguén agardaba un castigo tan duro ao conxunto das forzas progresistas. Nin sequera as enquisas máis agoireiras. O Partido Popular foi a forza máis votada nas eleccións autonómicas e municipais. Reforza o seu dominio con maiorías absolutas esmagadoras en prazas emblemáticas e arrebátalle á esquerda sete comunidades autónomas, varias das grandes capitais do estado e ducias de cidades medias, onde poderá formar goberno coa extrema dereita. A envergadura do desastre precipitou a convocatoria anticipada de eleccións xerais. O 23 de xullo volveremos ás urnas.
O espazo do cambio sufriu tamén un duro revés o 28 de maio. Talvez o máis notable sexa o de Barcelona, onde Ada Colau e os comúns perden a alcaldía, desbancados pola dereita soberanista e os socialistas. Pero o Partido Popular tamén acada maiorías absolutas noutras cidades gobernadas por forzas municipalistas ou aliadas entre 2015 e 2023, como Valencia, Zaragoza, Oviedo ou Cádiz. En Galicia o retroceso foi tamén severo, coa excepción dos extraordinarios resultados de Sadamaioría e Rianxo en Común.
Para a Marea Atlántica, como dixemos na propia noite electoral, os resultados foron pésimos e non caben matices nin paliativos. Sabendo que a conxuntura era adversa, aspirabamos a manter unha posición que nos permitise ser a forza determinante para a formación dun goberno decidido que se atrevese a impulsar, sen medo, as políticas necesarias para construír unha cidade máis xusta, verde, feminista e democrática. A cidadanía, porén, tiña outros plans. Decidiu entregarlle toda a corporación e toda a responsabilidade no próximo mandato ao PP, o PSOE e o BNG. Obtivemos unicamente 5.627 votos, 150 menos dos necesarios para obter un escano. É duro e seguramente nos pareza inxusto, pero temos que asumilo, reflexionar e traballar aínda máis en diante para volver.
Fronte a quen se empeñou en impoñer un marco estatal que só beneficiaba á dereita, tratamos de facer unha campaña en positivo e centrada no que importa. Puxemos unha e outra vez no debate as grandes doenzas e os
Para máis información
Arturo Losada- 671 675 258 - [email protected]
principais retos da Coruña, dende o problema do acceso á vivenda até a oportunidade que nos brinda o remate da concesión da Compañía de Tranvías para constituír unha empresa pública de transporte e liderar a mobilidade do século XXI. Prometemos facer unha campaña próxima, alegre e de barrio, coas nosas propias mans, e fixémolo. Pero cumprir, en política, non sempre é suficiente.
Nos últimos catro anos procuramos exercer o noso labor de oposición de xeito construtivo, sen tomar a cidade como refén como antes fixera o PSOE. Traballamos arreo na fiscalización dun goberno que Inés Rey teimou en formar en minoría e fomos firmes cando era preciso, mesmo nos tribunais, pero facendo valer sempre os nosos votos para conseguir importantes avances para a nosa cidade, dende a gratuidade das escolas infantís até a defensa dos terreos públicos do porto. Talvez non fose a vía máis rendible politicamente para a Marea Atlántica, pero pensabamos e pensamos que era o mellor para A Coruña.
Ao mesmo tempo, e ao noso pesar, nos últimos anos démoslle á cidadanía demasiados motivos para a desafección. Tras o duro golpe de 2019, coa perda do goberno municipal e a marcha de Xulio Ferreiro, tocaba concentrar as enerxías en fortalecer o proxecto e darlle o relevo a un novo equipo que puidese afrontar con garantías as eleccións de 2023. Porén, non fomos quen de evitar que Esquerda Unida e Podemos abandonasen o espazo, alentasen un doloroso caso de transfuguismo e mermasen o noso grupo municipal en María Pita. Ese descrédito, en última instancia, non favoreceu a ninguén.
A ruptura do espazo de confluencia volveu ser protagonista neste 28 de maio. As forzas que abandonaran a Marea Atlántica impulsaron unha candidatura alternativa e, mentres reclamaban a unidade, fixeron da crítica ao noso proxecto un dos seus principais argumentos electorais. Salvo que o obxectivo fose a destrución mutua, o empeño foi inútil: tampouco obtiveron representación. Pero ao que sen dúbida contribuíron foi a acelerar un descrédito e a xerar unha confusión que tampouco soubemos evitar. Non quixemos enfrontar as falsidades e descualificacións no medio dunha campaña electoral. Pareceunos que tería sido irresponsable. Tempo haberá de aclaracións, pero hoxe tampouco é o día. A ferida do domingo segue aberta e hai unhas eleccións críticas para a esquerda no horizonte. Toca sentidiño.
Dende a Coordinadora da Marea Atlántica asumimos toda a responsabilidade dos resultados electorais do pasado domingo e obraremos en consecuencia nas próximas semanas. A tarefa máis urxente, ao noso entender, é a avaliación do acontecido o 28 de maio e a determinación dun novo rumbo para a Marea Atlántica. Para isto, convocamos a todas as persoas asinantes do manifesto da Marea Atlántica a unha xornada de reflexión e debate que se celebrará no local o vindeiro sábado 10 de xuño entre as 10 e as 14 horas.