BNG | nota de prensa
Jorquera: “Quen ten que dar o primeiro paso é o PSOE. Inés Rey é quen necesita os votos do BNG para ser investida alcaldesa”
A Coruña, a 5 de xuño de 2023. En relación aos contactos necesarios para garantir a gobernabilidade do Concello da Coruña, o número 1 da candidatura do BNG nas recentes eleccións municipais, Francisco Jorquera, afirma: “Quen ten que dar o primeiro paso é o PSOE. Inés Rey é quen necesita os votos do BNG para ser investida alcaldesa”.
O BNG da Coruña ten convocado esta mesma semana, en concreto este mércores, unha Asemblea Local para a militancia avaliar os resultados electorais e o escenario xurdido do 28M, unhas eleccións municipais que tornaron a formación nacionalista nunha forza determinante no Concello.
“A partir desa asemblea é cando se deberían iniciar os contactos. Mais o primeiro paso teno que dar o PSOE, pois é Inés Rey quen necesita os votos do BNG para ser investida alcaldesa”, resalta Jorquera.
A premisa da que parte o BNG para establecer esas conversas co PSOE é a plena disposición a que “a maioría progresista que se expresou nas urnas teña reflexo na escolla da Alcaldía”. Mais ao mesmo tempo, enfatiza, ao BNG “non lle valen catro anos máis do mesmo”. “Hai moitas cousas por corrixir e moitas cousas por mellorar”.