Pretende a promoción de actividades relacionadas coa cultura tradicional
A Concellería de Culturas pon en marcha o Plan de Apoio a Entidades de Arraigo
O programa activado polo departamento que dirixe José Manuel Sande, que busca ampliar o marco de colaboración que viñan recibindo estas agrupacións, ten un montante global de 100.000 euros
Concello da Coruña | 27/01/2017
O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou este venres o novo Plan de Apoio a Entidades de Arraigo, dirixido a respaldar a actividade de entidades asentadas na cidade e relacionadas coa cultura tradicional, "que axudan activamente á dinamización da programación cultural da cidade e dan saída á necesidade de colectivos non profesionais de gozar da música como opción de ocio activo, formativo e de xeito continuado". Este plan de axudas municipais ten unha contía global de 100.000 euros, sendo 8.000 euros o máximo que pode recibir unha entidade polas súas actividades e actuacións abertas á cidadanía ao longo do ano. A convocatoria, tal e como explicou o titular de Culturas, vai dirixida a entidades "con arraigo", radicadas na cidade, que estean constituídas legalmente e cuxa actividades estea orientada cara á cidadanía en xeral.
"Entendemos que na Coruña contamos con moitas entidades que constitúen un caudal cultural importante, e que vemos dende o Concello como elemento de dinamización, pedagoxía e sentimento colectivo. A nosa pretensión foi regular o apoio que reciben dende a Administración local, de forma que se abrise unha convocatoria para que todas as entidades que poden ser consideradas dentro desta categoría teñan as mesmas oportunidades de participar do apoio do Concello", sinalou o edil. "Tradicionalmente, estas entidades recibían unha serie de axudas polas súas actuacións na cidade, que se negociaban de forma individual con cachés individuais. En 2013 creouse un convenio de colaboración con moitas delas, pero a nós nos parecía que esta fórmula non era completa, xa que era necesario regular este plan de apoio e dar oportunidades a todas as entidades que así o quixeran a optar ás mesmas", indicou Sande, que explicou que o pasado martes, membros da súa Concellería mantiveron unha reunión con diversas asociacións culturais da cidade e grupos de arraigo para indicarlles as bases desta convocatoria. "Apostamos por valorar a todas estas entidades mediante uns criterios obxectivos, como son a súa vinculación ao contorno na música, a traxectoria de proxección social, as actividades complementarias que realizan e o número de persoas que conforman a entidade, antigüidade do Rexistro Municipal de Asociacións da Coruña REMAC, e uso e difusión do idioma galego", detallou Sande.
Deste xeito, aquelas asociacións ou agrupacións que queiran participar no proceso de concorrencia competitiva aberto para as entidades de arraigo poderán presentar os seus proxectos e actividades até o vindeiro 15 de febreiro no Rexistro do IMCE (avenida da Mariña, 18. CP 15003, A Coruña). O prazo de resolución das solicitudes será de dúas semanas a partir da finalización do período de presentación de ideas ou proxectos. De cara a garantir a absoluta imparcialidade coa valoración dos mesmos, os proxectos serán avaliados por unha mesa redonda na que estea o concelleiro de Culturas ou a persoa en quen delegue (que terán voz pero non voto), ademais de persoal municipal vinculado á área de Culturas que exercerá como secretario, e tres representantes do tecido asociativo cultural da cidade.