"Favorecerán o benestar da veciñanza dos diversos barrios da cidade”

A Concellería de Participación presenta os proxectos de innovación social do Co-Lab

A edil Claudia Delso lembra que as iniciativas, “que procuran construír cidade dun xeito participado”, abranguen perfís moi diferentes “e grandes espectros de poboación”

A Concellería de Participación presenta os proxectos de innovación social do Co-Lab
Co-lab
A concelleira Claudia Delso, con membros dos proxectos que forman parte do Co-Lab

A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, asistiu esta mañá á presentación colectiva dos proxectos de innovación social que se desenvolverán este ano no marco do Laboratorio Cidadán da Coruña, o Co-Lab. Serán seis as propostas que abordarán "retos e problemáticas que afectan ao conxunto da cidade, pero tamén a algúns barrios especificamente", segundo explicou Delso. "Todos os proxectos teñen como obxectivo traballar e involucrar a distintos colectivos e persoas coa finalidade de crear comunidade e construír cidade dun xeito participado, e procuran favorecer a súa representación no maior número de espazos posibles", indicou a concelleira Deste modo, os proxectos do laboratorio aplicaranse e desenvolveranse en diversas zonas do termo municipal, como Agra do Orzán, Monte Alto, Cidade Vella ou Sagrada Familia, aínda que "todos son replicables noutros barrios", especificou a edil, que estivo acompañada por persoas representantes das iniciativas durante o acto. Delso tamén avanzou tamén que os proxectos deste ano "abranguen perfís moi diferentes de persoas participantes e grandes espectros de poboación".

Así, entre as persoas beneficiarias dos proxectos de innovación social atópanse persoas maiores nas que a soidade é un dos seus principais problemas, persoas afectadas polo urbanismo con descoñecemento desta problemática e afincadas nas aforas da cidade, usuarias e usuarios en xeral que queren compartir coa veciñanza ferramentas para extraer un maior beneficio mediante o traballo común ou artistas e colectivos vinculados á tecnoloxía social que favorecerán e alimentarán a autonomía. "Todos os proxectos son abertos nos seus destinatarios e queren neste primeiro ano sentar unha base do traballo aberto do Co-Lab", afirmou a responsable municipal, quen sinalou que, algunhas das iniciativas, "poden chegar a novos públicos mediante a interacción cos outros e a aprendizaxe continua".

Os proxectos que se desenvolverán neste último trimestre do ano incorporan os principios fundacionais do Co-Lab, e estar abertos á cidadanía para que calquera persoa poida participar neles. Así, participAGRA ten como finalidade a creación  de novos espazos de convivencia na Agra do Orzán mediante a dotación de uso aos esquecidos patios interiores das mazás, mentres que OASIS Monte Alto propón unha reflexión e experimentación colectiva para transformar Monte Alto coa implicación da veciñanza, comercio, sector hostaleiro, e outros axentes sociais chaves do barrio. Pola súa banda, Co urbanismo nos talóns abordará a problemática do crecemento urbanístico para os núcleos periurbanos, e Soidade realizará unha diagnose da situación actual das persoas maiores da cidade co obxectivo de contribuír á mellora da súa situación. Outro dos proxectos, o Gabinete de Imaxinación Política, ofrecerá un espazo de intercambio para o fortalecemento común mediante a reflexión entre colectivos, entidades, cooperativas e grupos informais de artes e das tecnoloxías sociais. Finalmente, a Cousateca apostará pola creación dunha plataforma de intercambio de bens para o seu mellor aproveitamento e revalorización das cousas de uso diario.

Actividades ata finais de ano

Cada un dos proxectos do Laboratorio Cidadán da Coruña desenvolverá actividades e accións para achegarse a un maior público e favorecer a interacción dun maior número de persoas, son iniciativas abertas á cidadanía e queren fomentar a súa dinamización. En total, no que queda do ano, os 6 proxectos do Co-Lab teñen planificadas máis de 50 actividades abertas a todo o mundo --que comezarán este mes de outubro--, iniciativas nas que calquera persoa pode achegarse e participar de xeito activo. Ademais, para isto as entidades e persoas responsables dos proxectos deseñaron diferentes modalidades de participación, accións e encontros para que sexan dinámicas, variadas e interesantes.

Deste xeito, haberá roteiros en diferentes barrios que favorecerán o coñecemento das problemáticas que queren tratarse e que permitan atopar novos públicos que participen de xeito activo no desenvolvemento dos proxectos, encontros entre colectivos con diferentes obxectivos que atopen lugares comúns para a creación, conferencias con persoas de referencia da cidade, de Galicia, de fóra da comunidade e incluso a nivel internacional, intervencións nos barrios escenarios dos proxectos ou obradoiros.

A primeira das actividades será un Obradoiro coas traballadoras do fogar, como parte do proxecto Gabinete de Imaxinación Política, e que se celebrará o día 15 de outubro, desde as 11.00 horas, na Asociación Veciñal Agra do Orzán. A seguinte proposta será o Roteiro do proxecto Co Urbanismo nos Talóns, e será o día 28 de outubro. O percorrido terá saída en San Xosé e rematará no Portiño, para recoñecer a problemática de diferentes núcleos urbáns. A continuación, o día 2 de novembro, terá lugar no Centro Ágora a presentación do proxecto participAGRA. O acto comezará ás 19.00 horas.  

Para máis información sobre as accións e actividades que se produzan no marco do Co-Lab, pode visitarse a web municipal colab.coruna.gal.

Dossier de Prensa Co-Lab 2017 (91 KB)

A Concellería de Participación presenta os proxectos de innovación social do Co-Lab