O Concello abre o período de consultas sobre o banco de aluguer de vivendas

As persoas que o desexen poderán descargar da web municipal o regulamento que rexerá a articulación deste novo sistema de aluguer social e remitir as súas achegas e suxestións ao departamento municipal de vivenda antes do 14 de maio

O Concello abre o período de consultas sobre o banco de aluguer de vivendas
013_i_salc3b3n
vivenda

A Coruña, 29 de abril de 2019.- O Concello da Coruña vén de abrir o período de consulta previa ao inicio do procedemento mediante o que se aprobará o regulamento que rexerá o proceso de constitución dun Banco de Vivendas de Alugueiro co que a Empresa Municipal de Vivenda (Emvsa) facilitará o acceso a un inmoble digno a aquela parte da veciñanza con máis dificultades.

Segundo explica o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, con este procedemento “o goberno local poderá coñecer as achegas e recomendacións de toda a cidadanía, especialmente actores e entidades implicadas no ámbito social”. Así, as persoas que o desexen poderán descargar da web municipal o citado regulamento e remitir antes do 14 de maio ao correo electrónico [email protected] as súas opinións, valoracións ou suxerencias.

Varela salienta, ademais, que “as consultas públicas non son unha ocorrencia, senón que se trata de mandados recollidos nas propias leis de procedemento administrativo que apostan por mellorar a participación da cidadanía no proceso de elaboración de normas”. “Para nós é moi importante que unha medida de tanto calado como a creación do Banco de Vivendas de alugueiro conte co apoio das entidades sociais da cidade”, indica.

A intención do goberno local é que Emvsa xestione un Banco de Vivenda que garanta o acceso a unha vivenda digna á veciñanza con máis dificultades. “A pretensión é a de artellar un sistema de aluguer social ou reducido. Emvsa funcionará como mediadora entre persoas arrendadoras e arrendatarias e alugará vivendas, preferentemente no termo municipal da Coruña, para a súa posta a disposición de terceiros. A empresa municipal garantirá ás persoas cedentes tanto o cobro das rendas como a reparación de posibles danos nas vivendas e o depósito das correspondentes fianzas. Por outro lado, será a empresa pública a que adxudique estas vivendas ás persoas solicitantes pertencentes a colectivos con dificultades”, salienta Varela.

2

O Concello abre o período de consultas sobre o banco de aluguer de vivendas